Desexas optar a unha praza nunha residencia universitaria da USC? Estes son os prazos

Estudantes realizando un exame da ABAU na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, en Compostela. (Foto: Arxina)
A listaxe provisional de solicitudes admitidas e excluídas coñecerase o 22 de xullo e, despois do prazo de emendas, a definitiva será publicada o 31 de xullo.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) convocou un total de 960 prazas de aloxamento no seu servizo universitario de residencias para o curso 2025-2026, o que supón un incremento de 50 con respecto ao curso actual, todas elas destinadas ao alumnado.

Diso informou nun comunicado, no que informa que as persoas interesadas dispoñen de prazo até as 14 horas do día 26 de xuño para presentar a súa solicitude. Do total, 856 resérvanse para estudantado de grao, 30 de mestrado, 21 para estudantado de programas de doutoramento a tempo completo e persoal investigador en formación, cinco para posgraos propios e as restantes para membros da comunidade universitaria con necesidades educativas específicas derivadas dunha condición de discapacidade.

A listaxe provisional de solicitudes admitidas e excluídas coñecerase o 22 de xullo e, despois do prazo de emendas, a definitiva será publicada o 31 de xullo. Como novidade este ano, en cada movemento da listaxe de espera será necesario que as persoas solicitantes confirmen expresamente o seu desexo de permanecer nela. Para iso recibirán un aviso móbil en formato SMS que os advertirá da situación na que se atopan nesa listaxe.

A USC destacou que é a que máis prazas públicas de aloxamento dispón para o seu alumnado en todo o Estado. En concreto, para o próximo curso, no campus compostelán ofrece as residencias universitarias Monte da Condesa e Burgo das Nacións e os colexios maiores Fonseca e Rodríguez Cadarso. Pola súa parte, en Lugo, a USC conta coa residencia universitaria Jesús Bal y Gay.

Os prezos de aloxamento calcúlanse en función da renda persoal dispoñíbel e van, para un cuarto individual, desde os 62 aos 292 euros, e para un cuarto dobre compartido dos 46 aos 251. Poderán ocupar a súa praza desde o 4 de setembro de 2025 até o 31 de maio de 2026, e unha vez terminado este período, as residentes e colexiais que desexen continuar deberán solicitalo mediante a convocatoria de verán 2026.