A deseucaliptización simultánea eliminou máis de 200.000 eucaliptos e acacias

Máis de 300 persoas participaron na deseucaliptización, que se desenvolveu en diferentes comarcas de Galiza e que eliminou máis de 200.000 árbores invasoras.

Os pasados días 21 e 23 de marzo, co gallo da celebración do Día Mundial do Bosques, a rede a prol do bosque galego, Cousas de Raíces, lanzou a primeira campaña de “Deseucaliptización Simultánea” de Galiza. A iniciativa implicou máis de 360 persoas voluntarias e logrou a eliminación de máis de 205.000 exemplares de eucaliptos e acacias, entre gromos de cepa, plántulas e unidades de maior porte; segundo a organización. 

 

A I Deseucaliptización Simultánea estivo encamiñada a favorecer unha retirada simultánea, en diversos puntos do país, de masas de eucaliptos e doutras especies forestais foráneas e invasoras, como as acacias negras e mimosas, que están a ocupar grandes superficies no monte galego, prexudicando as especies propias.

 

Desenvolvéronse un total de 11 actuacións de eliminación promovidas por 20 colectivos de carácter ecoloxista, cultural e veciñal, entre os que tiveron especial protagonismo as comunidades veciñais de montes en man común.

 

A especie invasora máis eliminada foi sen dúbida o Eucalyptus globulus, seguida da acacia negra ou melanoxylon, da mimosa ou Acacia dealbata e da herba da pampa ou Cortaderia selloana. Tamén se eliminaron algúns pés de Pinus radiatanos montes de Rebordelo.