'A manada de cervos de Excalibur'

Descubren un petróglifo único en Campo Lameiro

[Imaxe GEPN / GCiencia]

A descuberta desconcerta aos investigadores do Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico (GEPN) e ás persoas responsábeis do parque.

Trátase dun petróglifo cunha "arma rodeada por ducias de cervos", explica en conversa con Sermos Galiza Juan Ángel do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro. Un gravado "inusual e único" nas "aproximadamente 3.500 rochas" que existen rexistradas na Galiza porque se trada dunha "arma asociada unicamente a animais", non a persoas ou outras armas, explica Benito Vilas, un dos investigadores xunto con Alia Vázquez Martínez e  Miguel Carrero Pazos

"Trátase de algo inusual non, algo único", sinalan desde a equipa de investigación

A descuberta aconteceu no marco das investigacións que desenvolve o Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico (GEPN) através de técnicas 3D. "Traballando na contorna do parque atoparon nun outeiro un petróglifo moi peculiar" que contén "unha arma" e ocupa polo de agora, á espera de que continúen coa excavación, unha "posición central" e de maior tamaño rodeada por "uns 25 cervos", acrecenta. "Algo inusual non, algo único", enfatiza. 

En conxunto trátase dun puñal rodeado de ducias de animais polo que o denominaron 'A manada de cervos de Excalibur', en referencia á coñecida espada do rei Artur, sinala Juan Ángel. Aliás, trátase dunha obra que "semella estar en 3D" pois "ten certo compoñente de modelado, como unha pequena escultura" sobre a pedra embora atoparse certamente deteriorado polo tempo, subliña. 

Se finalmente se confirma a posición central da arma podería indicar unha zona de control

O descubrimento supón "un desconcerto" para as persoas que investigan en Campo Lameiro e tamén para o propio parque ao situarse fóra do perímetro de 22 hectáreas que o compoñen actualmente, no monte en man común de Paredes. "Críamos que ao igual que en Toutón ou A Caeira había dous [petróglifos] principais e logo varios que os rodean" porén, as dimensións e importancia deste novo supón "unha pequena revolución científica", sinala Juan Ángel. 

Sobre o seu significado aínda fica estudar a peza mais "as armas" son habituais en "sociedades guerreiras" e "a caza do cervo pode ser un ritual dos guerreiros", di Juan Ángel. "Se finalmente se confirma a súa posición central" no gravado, "podería indicar unha zona de control, do home dominando a natureza", acrecenta Benito Vilas. 

As excavacións comezarán entre o mes de setembro e outubro. Desde o parque agardan poder amosalo ao público con posterioridade.