Plácido Lizancos: "Descoñecemos o estado de saúde da vivenda na Galiza, ese é o reto que se nos presenta"

Placido Lizancos, docente na ETSAC e un dos impulsores da Clínica das Casas (Imaxe: Cedida)
O profesor e investigador Plácido Lizancos puxo en marcha xunto a outras integrantes da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña o proxecto "A Clínica das Casas". En conversa con Nós Diario, reflexiona sobre a vivenda: "Isto que se visualiza agora, cando chega a nós información que fala do mal que pode vivir parte da poboación reactívanos, estimúlanos para seguir investigando que está a acontecer".

Como xurde a iniciativa da Clínica das Casas?

Reflexionando acerca de como podemos aportar nesta situación, un grupo de persoas da Escola démonos de conta de que a vivenda é o único dispositivo que é capaz de parar a pandemia, a falta dunha vacina. A partir dese recoñecemento da vivenda sentímonos, como arquitectos e arquitectas, responsábeis ou unha parte importante do seu proceso de creación e xestión. E aí xurde a idea de axudar á xente confinada na resolución dos problemas.

O proxecto conta coa limitación do propio confinamento. Como pode mudar a habitabilidade dun fogar só mudando os seus móbeis e obxectos?

Unha organización dos tempos de uso ou mudar a colocación dos móbeis poden dar pé a melloras notábeis. É certo que este servizo recibiu poucas consultas, mais non é o único que puxemos en marcha. Ofertamos un capítulo de boas prácticas no ámbito doméstico e no intermedio, ou consellos para, por exemplo, empregar o ascensor. A maiores recibimos numerosas propostas para abrir debates arredor da vivenda, a nivel da universidade, sobre o que ensinamos, pero tamén un debate social.

Antes da corentena había xente confinada que era invisíbel

O confinamento volveu poñer en evidencia a poboación con dificultades para acceder ao dereito á vivenda.

Antes da corentena había xente confinada que era invisíbel, xa sexa por cuestións de saúde, porque son emigrantes nun limbo legal, por un contexto de violencia de xénero mais tamén por razóns económicas, persoas sen cartos para participar da vida pública. Persoas que seguirán sendo invisíbeis e das que sabemos que non coñecemos a súa situación.

Non é equiparábel o confinamento nun fogar luminoso que nun interior, con cuartos sen ventás, sen calefacción ou cun mal illamento. Cal é a saúde das condicións de habitabilidade do parque de vivendas galego?

Descoñecemos o estado real de saúde da vivenda na Galiza. Ese é o grande reto que se nos levanta como consecuencia do confinamento. Estamos vivindo como debemos vivir? Todos? A pandemia é moi democrática atacando por igual a ricos e pobres, pero a resposta non é democrática. Evidenciouse que non toda a poboación conta cos mesmos medios para acceder á información, para interaccionar co mundo exterior. Se queremos ser unha sociedade inclusiva, resiliente e verdadeiramente democrática teremos que resolver estas diferenzas nun futuro.

A pandemia é moi democrática atacando por igual a ricos e pobres, pero a resposta non é democrática

Desde a arquitectura, cando se comeza a ligar a saúde das habitantes dun fogar coas condicións materiais do mesmo?

Voume remitir a Marx, e ao século XIX. Daquela comezáronse a denunciar as malas condicións de habitabilidade das barriadas de cidades como Manchester. A poboación morría moi nova, debido tamén ás condicións da insalubridade da vivenda. Por suposto hai unha resposta política, social e tamén arquitectónica a esta problemática. O racionalismo, por exemplo, un movemento nado en Alemaña hai cen anos, propón grandes ventás, servizos hixiénicos nas casas ou tendais onde a roupa se expoña ao sol. En paralelo demanda a demolición de barrios insalubres. Posteriormente esta visión espállase, mais infelizmente hoxe hai moitos lugares do mundo no que esa visión hixienista da vivenda non chegou. A ONU calcula que 40% da humanidade vive en condicións subestándar, e a súa esperanza de vida está seriamente condicionada por estas condicións precarias.

Existe unha relación entre a percepción da vivenda, os usos para os que está destinada, e a construción da mesma?

Evidentemente. A vivenda é un dereito constitucional, o artigo 47 fala de que todos os españois teñen que ter acceso a unha vivenda en condicións dignas. Por avatares do mercado, e falo do mercado literalmente, e por pasividade ou inacción dos sucesivos Gobernos a vivenda deixou de ser vista como un dereito a pasar a ser considerada como unha mercancía. Non existindo a mediación do Estado as empresas promotoras e construtoras foron orientando a demanda cara unha oferta comercialmente resultan máis produtiva. Non se orientaron a deseñar produtos arquitectónicos das mellores prestacións sociais. E é momento de revisar isto.

Por avatares do mercado, a vivenda pasou a ser considerada como unha mercancía

Como mudou esta percepción da vivenda na Galiza nas últimas décadas?

Na Galiza a vivenda, para moita xente, aínda é a casa, o lugar de reunión da familiar polinuclear. Un espazo cargado de afectividade, que acompaña a historia das habitantes desde o pasado. En tanto, a vivenda urbana é máis interpretada como unha mercancía, un mero artefacto ao que a xente normalmente demanda prezo, eficacia, localización adecuada e punto. O gran reto para nós nun futuro, como sociedade e particularmente para os técnicos e técnicas, é ampliar a visión da vivenda urbana e facérmonos ver que a vivenda é un lugar para a construción social, non un mero depósito de aforros ou un instrumento.  

O gran reto para nós é facérmonos ver que a vivenda é un lugar para a construción social

Cando se decrete a fin do estado de alarma, continuarán traballando na Clínica das Casas?

Para unha escola de arquitectura o tema da vivenda é apaixonante e inesgotábel. Coñecer como está vivindo a xente da Galiza é unha cuestión que remove a nosa responsabilidade social. Isto que se visualiza agora, cando chega a nós información que fala do mal que pode vivir parte da poboación reactívanos, estimúlanos para seguir investigando que está a acontecer.