Descenden levemente os casos activos de Covid na Galiza

O colectivo farmacéutico advirte da efectividade das máscaras para evitar a expansión do virus. (Foto: Europa Press)
O número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 17.361, baixando en 147 casos con respecto á xornada anterior, cando había 17.508.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informou este sábado que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 17.361, baixando en 147 casos con respecto á xornada anterior, cando había 17.508.

Destes casos, 3.301 son da área da Coruña, 2.592 da de Lugo, 2.477 da de Ourense, 1.843 da de Pontevedra, 2.923 da área de Vigo, 2.879 da de Santiago e 1.325 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 14 están en UCI, 635 en unidades de hospitalización e 16.712 no domicilio. Desde o 4 de maio, a Consellaría notificou o falecemento de 13 persoas, todas elas maiores de 74 anos e con patoloxías previas.

Desde a Consellaría de Sanidade indican que  “permanecen en alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente”, nunha tarefa que se desenvolve con “coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade”.

Teléfonos de información

A Consellaría de Sanidade reitera que a cidadanía debe empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número 881 54 00 45 naqueles casos que presenten síntomas leves de coronavirus, ou ben para resolver dúbidas relativas á Covid.

Declaración responsábel de positivo

As persoas que obteñan un resultado positivo tras a realización dun autotest deberán comunicalo ao Servizo Galego de Saúde. Así, poderán facelo cumprimentando a declaración responsábel dispoñíbel na web do Sergas.

Así mesmo, lémbrase o carácter obrigatorio do uso da máscara en determinados espazos interiores, como son os centros, servizos e estabelecementos sanitarios; os centros sociosanitarios e o transporte público e de viaxeiros.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas na Comisión interterritorial, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotábel- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.