Descende a presión hospitalaria, con 14 ingresos menos

Varias personas, na terraza dun bar o 9 de maio de 2021, en Ribadeo (Carlos Castro/ Europa Press).

Os novos contaxios detectados baixan até 110 nunha xornada na que se realizan unhas 1.500 PCR menos que a anterior. Aínda así Sanidade notificou dous novos falecementos como consecuencia da Covid-19.

Cando Galiza suma a terceira fin de semana sen estado de alarma continúa a caída da presión hospitalaria pola Covid-19, xa que os ingresados descenderon en 14 quedando o total nos 107. Alén diso, os casos activos nesta pandemia cumpren unha semana en baixada con 50 menos e colócanse nos 2.350. Ademais os novos contaxios detectados por calquera tipo de proba en 24 horas diminuíu a 110, ou sexa 33 menos.

No que respecta á presión hospitalaria, segundo os datos publicados este sábado pola Consellaría de Sanidade, solicitados até as 18 horas da sexta feira, do global de 107 ingresados hai 79 en planta, polo que son 14 menos, e 28 en unidades de coidados intensivos.

Por áreas sanitarias, tan só a de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras aumenta o número de hospitalizados lixeiramente, até os 11 en total (+1), dos que seis están na UCI (sen variacións).

En canto ao resto, en todas cae a presión asistencial. A área da Coruña-Cee acumula 26 ingresados (-4), catro deles críticos (-1); en Vigo hai 24 (-4), dos que cinco se manteñen na UCI; e en Santiago-Barbanza son 19 os hospitalizados (-3), catro deles críticos.

Polo seu lado, en Pontevedra-O Salnés hai 12 ingresados (-1), deles catro seguen na UCI; en Lugo-A Mariña-Monforte son outros 12 (-1), tres deles críticos (+1); e en Ferrol xa só quedan tres hospitalizados (-2), mais dous deles están en coidados intensivos, os mesmos que hai 24 horas.

Os casos activos descenden

Os casos activos de Covid-19 na Galiza seguen coa tendencia descendente por sétima xornada consecutiva ao caer a 2.350, medio centenar menos que a xornada anterior. Isto débese a que as altas superaron aos novos diagnósticos no último día.

O descenso se replica en cinco do sete áreas sanitarias. As excepcións son Lugo-A Mariña-Monforte, onde os pacientes subiron lixeiramente até os 234 (+1); e Ferrol, con 83 casos activos (+3).

Así, este parámetro baixou na área de Vigo, aínda que segue na cabeza con 700 pacientes (-12); seguida de Santiago-Barbanza, a segunda con 427 (-15); A Coruña-Cee, con 426 (-20); Pontevedra-O Salnés, con 290 (-1); e Ourense-Verín-O Barco, con 190 casos activos (-6).

Baixan os contaxios

Pola súa banda, os novos contaxios detectados nas últimas 24 horas por calquera tipo de proba caeron até os 110 -102 confirmados cunha PCR-, despois dos 143 notificados esta sexta feira e de manterse ao redor dos 130 a quinta e cuarta feira. Con todo, a cifra mínima da semana foi a da terza feira: 89.

Das 110 novas infeccións descubertas, 30 localizáronse na área sanitaria de Vigo. Séguelle a de Pontevedra-O Salnés, con 21, e a de Santiago-Barbanza, con 16. Pechan a táboa a da Coruña-Cee, con só 13 contaxios detectados; Ourense-Verín-O Barco, con oito; e Ferrol, con sete.

Polo tanto, as persoas contaxiadas de Covid-19 desde o inicio da pandemia en toda Galiza ascenden a 126.625, das cales 30.351 corresponden á área da Coruña; 24.975, á de Vigo; 19.934, á de Santiago; 15.692, á de Ourense; 14.247, á de Pontevedra; 12.842, á de Lugo; e 8.584, á de Ferrol.

Por outro lado, a taxa de positividade mantense en 2%, valor máis alto da semana pero que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Dúas mortes máis

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia na Galiza eleváronse a 2.417, tras notificar a Consellaría de Sanidade esta sexta feira dúas novas mortes.

Co avance da vacinación, o número de vítimas mortais notificadas a diario descendeu de forma significativa e nas últimas semanas rexistráronse varias xornadas sen falecidos.

En canto aos pacientes curados, ascenden a 121.883, que supoñen 158 persoas máis que as rexistradas até a xornada pasada.