Desarticulan un prostíbulo en Santiago onde era explotada unha muller con discapacidade

Un axente e un vehículo da Policía Nacional (Foto: Policía Nacional).
Unha denuncia anónima iniciou a investigación, na cal se corroborou que unha vivenda dos arrabaldes da capital galega eran explotadas sexualmente mulleres que, segundo a Policía Nacional, recibían un trato denigrante, mesmo con episodios violentos e agresións físicas.

A Policía Nacional vén de desarticular un grupo criminal composto por tres persoas que xestionaban un local de prostitución situado nun chalé nos arredores de Santiago de Compostela onde era explotada unha muller cun alto grao de discapacidade. A unidade especializada contra a trata de seres humanos da Policía Nacional con base na Coruña, en colaboración co Grupo Operativo de Estranxeiros da Comisaría de Policía de Santiago, foron os encargados deste operativo que se saldou coa detención dos tres responsábeis do grupo, dous homes e unha muller.

Unha denuncia anónima iniciou a investigación, na cal se corroborou que unha vivenda dos arrabaldes da capital galega eran explotadas sexualmente mulleres que, segundo a Policía Nacional, recibían un trato denigrante, mesmo con episodios violentos e agresións físicas.

O tres responsábeis do chalé tiñan unha "clara repartición" das súas tarefas para forzar as vítimas e atender os clientes, aos que ofrecían drogas e potenciadores sexuais. Entre as explotadas estaba unha muller cun alto grao de discapacidade que, ademais, carecía de recursos económicos. Os explotadores aproveitábanse destas circunstancias para someter esta vítima, á que forzaban a consumir drogas e a realizar calquera tipo de servizo.

Após solicitar información e recibir o visto e prace da autoridade xudicial, un grupo de axentes accedeu ao inmóbel para rescatala. Dous axentes fixéronse cargo da súa custodia para velar polo cumprimento do protocolo de atención activado e o seu traslado a un centro especializado para vítimas de trata. A Policía Nacional destaca que continúa mantendo contactos coa vítima baixo a supervisión e en coordinación co equipo asistencial.