A Cidade da Cultura retoma a súa actividade após non acharen os Tedax indicios de explosivos

O persoal sanitario do 'vacinódromo' tivo que ser tamén evacuado da Cidade da Cultura. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O desaloxo destes edificios e máis dos xulgados de Santiago foi unha medida preventiva xa que non se detectou artefacto explosivo ningún.

Un amplo dispositivo de axentes da Policía Nacional, Autonómica e Bombeiros, xunto con especialistas do Tedax, despregouse esta sexta feira en Santiago de Compostela para comprobar a veracidade dunha chamada telefónica, efectuada a unha institución en Madrid, que advertía dunha presenza de explosivos nos xulgados da capital galega.

Ante a chamada telefónica, que se está a investigar por parte da Policía, iniciouse un protocolo de desaloxo dos edificios xudiciais situados en Fontiñas —inicialmente o principal da rúa Viena—, mais tamén de todo o complexo da Cidade da Cultura, onde esta semana arrincou o macro xuízo polo accidente do Alvia ocorrido en 2013.

Fontes consultadas pola axencia Europa Press confirmaron que, após revisar a fondo a Cidade da Cultura, arredor das 17.30 horas púidose retomar a actividade nos distintos edificios.

Dáse a circunstancia de que, precisamente esta sexta feira, tamén arrincou a vacinación da segunda dose de reforzo —a cuarta dose— para as persoas maiores de 80 anos que, nesta ocasión, foron citadas nos coñecidos como 'vacinódromos'. A actividade de vacinación púidose reiniciar xa e seguiranse inxectando as doses aos maiores que acudan.

Alerta contra as 15.30 horas

A alerta deuse sobre as 15.30 horas desta sexta, cando foi desaloxado o edificio dos xulgados do barrio de Fontiñas situado na rúa Viena. Á hora dos feitos, boa parte dos funcionarios xa abandonaran o edificio, mais aínda quedaba xente no interior en varias dependencias. A zona foi acordoada e tamén se desaloxaron os demais edificios que pertencen ao ámbito xudicial, e optouse por actuar, tamén, na Cidade da Cultura, posto que parte do complexo é agora sede xudicial polo sinistro ferroviario de Angrois.

Traballadores, persoal do dispositivo de vacinación e pacientes que acudiran á súa cita coa vacina tiveron que abandonar as instalacións e situarse no aparcadoiro máis afastado do complexo do Gaiás, xa que parte dos aparcamentos máis próximos aos edificios tamén foron acordoados.

Con todo, apenas algo máis dunha hora despois de ter que abandonar o edificio, os equipos de emerxencias deron por concluída a revisión sen atopar indicios de explosivos, polo que puido reiniciar a actividade antes das 18 horas. Pola súa parte, fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) explicaron que a Policía Nacional avisou ao xuíz decano de Santiago de Compostela da existencia dunha chamada cunha ameaza de bomba, polo que o decano "decidiu o desaloxo" dos inmobles.