Desactivada a alerta pola proximidade do lume ás vivendas en Moaña, mais mantense en Ponteareas

Veciños de Meira, en Moaña, prepáranse para facer fronte ao lume. (Foto: Europa Press)
As lapas queimaron 16 e 20 hectáreas en Moaña e Ponteareas, respectivamente.

A Consellaría de Medio Rural desactivou a alerta por proximidade do lume a núcleos habitados no incendio forestal que afecta desde a tarde desta segunda feira a parroquia de Meira, en Moaña. Esta medida de prevención continúa vixente nun incendio declarado en Ponteareas e que afecta a parroquia de Guillade.

A decisión de desactivar a denominada Situación 2 foi trasladada pola Xunta a través da conta de Twitter @incendios085 minutos antes das 21 horas.

A proximidade das lapas aos núcleos de Moureira e Ribeira, en Moaña obrigou a decretar esta medida de alerta pouco despois do inicio do incendio, declarado ás 16.30 horas.

Ademais, o lume tamén provocou o corte da circulación na autovía do Morrazo, onde o tráfico foi restabelecido pasadas as 19 horas. As primeiras estimacións cifran en 16 as hectáreas calcinadas.

Para controlar este incendio foron mobilizados os seguintes efectivos (acumulados), segundo os últimos datos facilitados por Medio Rural: 5 axentes, 15 brigadas, 11 motobombas, 8 avións e 5 helicópteros.

Incendio de Ponteareas

Por outra parte, o incendio declarado tamén esta segunda feira en Ponteareas e que queimou, segundo unha primeira estimación de Medio Rural, 20 hectáreas, mantén alerta das lapas nunha zona próxima ao núcleo de Reimonde, na parroquia de Guillade.

Neste caso, foron mobilizados un técnico, 4 axentes, 10 brigadas, 5 motobombas, 2 pas, 4 avións e 3 helicópteros.

O conselleiro de Medio Rural, José González, desprazouse a este municipio, e explicou que os medios aéreos e terrestres seguen traballando, aínda que tal e como están a evolucionar as cousas non se prevé que as chamas cheguen ás zonas habitadas.

A rexedora municipal de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, sinalou que "de momento non houbo que desaloxar ninguén, pero o lume chegou moi perto, ao límite das vivendas".

Así mesmo, explicou que o Concello tamén está a contribuír cos seus medios á extinción das chamas (e preparando máis cuadrillas por se fosen necesarias), da mesma maneira que os veciños, que con motobombas e mangueiras estiveron mollando a contorna dos seus domicilios.