‘Nós Diario’ agasalla as persoas lectoras co derradeiro número da revista ‘Nós’

Xosé Lois Carrión: "Nós, como revista política, non responde a siglas ningunhas"

Xosé Lois Carrión González leva moitos anos traballando de diversas maneiras na recuperación da memoria democrática galega. Fundador e directivo da asociación Amigos da República de Ourense, coleccionista de autocolantes políticos ou custodio dos arquivos de seu avó, o primeiro concelleiro nacionalista de Ourense, Leuter González Salgado. Precisamente dese fondo procede o número 139-144 da revista Nós que se distribuirá como agasallo con Nós Diario o vindeiro 31 de decembro.
Xose Lois Carrión (Foto: Xan Muras)
photo_camera Xose Lois Carrión (Foto: Xan Muras)

Que destacaría dos contidos e das sinaturas do numero 139-144 da revista Nós do que Nós Diario publicará o facsímile?  

En primeiro lugar, penso que debe ser o número con máis páxinas de todos, dos 132 en total que se editaron. Corresponde a medio ano, de xullo á Nadal do 35 e teoricamente é a mediados do 36 cando se vai distribuír. Isto debíase aos problemas económicos que constantemente tiña a revista. Que non se difundise é, tristemente, a principal característica deste número. 

Ademais é un número case monográfico porque a asociación de escritores da Galiza rendeu homenaxe a Ánxel Casal, quen ademais era promotor da mesma asociación, era o xerente de Nós e ademais fundador da editorial. Tamén é curioso que, neste derradeiro número, dúas persoas das que van morrer asasinadas, como son Ánxel Casal e Modesto López Teixeiro, teñen un vínculo: o número está dedicado a un deles e o outro contribúe cunha colaboración.

O mais curioso, e que nunca cheguei a comprender, é o primeiro capítulo da novela O sorrir de Daniel, de Otero Pedraio, unha novela que eu, sinceramente, a día de hoxe non sei se unicamente fixo esta premier do primeiro capítulo ou se tirou despois mais cousas... mais recoñezo a miña total e absoluta ignorancia a este respecto.

É case "lóxico" que fosen contra a editorial Nós, porque ademais da revista Nós, practicamente todas as asociacións da Fronte Popular tiraban alí as súas publicacións

Fala de Ánxel Casal e Modesto Teixeiro, que colaboraban neste número e foron asasinados e incluso poderíamos falar tamén neste mesmo número doutras persoas que correron exactamente a mesma mala sorte e que tamén colaboraron como Víctor Casas ou mesmo Díaz Baliño (nun artigo con Bouza Brei). Como foi a represión contra a revista Nós e contra as xentes de Nós, os colaboradores da revista?

Eu non faría moitas diferenzas entre a xente de Nós e a xente do Partido Comunista ou o Partido Socialista. O fascismo, loxicamente, o que non quería en fronte era xente que pensase, que fose libre nas súas decisións... entón, tan pronto se dá o golpe de Estado -que na Galiza triunfa axiña, quedando tres ou catro puntos de resistencia, até agosto mais ou menos- pois para min é case "lóxico" que fosen contra a editorial Nós, porque ademais da revista Nós, practicamente todas as asociacións da Fronte Popular tiraban alí as súas publicacións, entón é o sitio onde van directamente arramplar con todo, tirar con todo, e desaparece. Aínda que Ben Cho Shey dicía que foran queimar máis, eu creo que queimarían os exemplares, as publicacións, pero as instalacións... eu penso que non foi así.

En relación ao que estaba a falar formulaba dúas direccións e sobre elas queríalle preguntar, antes de falar sobre o que aconteceu coa editorial e o que foi o asalto ao local... Tamén hai unha parte que é a represión dos colaboradores da revista. Incluso aquí había persoas ideoloxicamente distintas: non era o mesmo ideoloxicamente, por poñer un caso, Víctor Casas ou un dos irmáns Canal, por exemplo. O que quería que nos contase é como foi a represión contra a xente da revista Nós

Eu entendo que a represión contra a revista Nós seguiu o mesmo sistema de persecución que executaban en todas partes. Como dicía o número 1 da revista, dentro de Nós había todo tipo de xente; esta xente era distinta ideoloxicamente e estaban na sociedade con distintas responsabilidades. E foron a por eles directamente. Hai aquí unhas 11 ou 14 persoas de Nós que son asasinadas, segundo esa relación elaborada por Ben Cho Shey, relación na que curiosamente estaba Alexandre Bóveda, cando Bóveda realmente, a menos que me equivoque, non escribe ningún artigo en Nós. Pero el inclúeo dentro da relación dos homes da revista, xunto con Johan Carballeira, con Díaz Baliño, con Buxán, con Quintanilla...

...ou con Blanco Torres. 

Exactamente. A revista Nós non é unha revista política. É política no sentido de que fala de imitar o independentismo de Irlanda por exemplo, pero a nivel práctico político... Por exemplo, o 14 de abril de 1931 a revista non dá unha resposta á proclamación da República... Sabemos que practicamente todos os colaboradores eran republicanos, pero Nós era unha revista cultural. Como revista política non responde a siglas ningunhas. A min o que máis me estraña é que o 14 de abril e nos meses posteriores non haxa referencia ningunha de celebración pola chegada da República, ou polo menos que se diga que chegou a República... É algo eu nunca cheguei a entender pero, en fin, terían os seus motivos.

Algo significativo deste número da revista Nós é precisamente que non foi distribuído, que coñezamos a día de hoxe hai só dous exemplares, un custodiado no arquivo da Deputación, o dos fondos de Ben Cho Shey, e outro custodiado pola súa familia. Podería explicar que pasou con este número, porque non se distribuíu, cal foi a causa? 

Eu supoño que foi por un problema económico, da mesma forma que xa pasara co número 22-23 en Pontevedra, que durante dous anos non se distribuíu por esa mesma razón. Ao chegar a finais de 1935 habería un problema económico. Eu inclínome por esa explicación: faltaba diñeiro para a distribución.

Todo o que se puidera adiantar socialmente desapareceu e Nós -igual que outras moitas publicacións do Estado- foi quen pagou. E o malo é que non pagou só a revista, senón tamén a xente que escribía nela.

E logo vén o 36. 

Claro, vén o 18 de xullo, empeza a represión e a situación comeza a ser nova para todos. Comezou, como dicía Celso Emilio, unha longa noite de pedra, e todo o progreso que se fixera neses cinco anos mal contados da República retrocedeu a pasos axigantados. Todo o que se puidera adiantar socialmente desapareceu e Nós -igual que outras moitas publicacións do Estado- foi quen pagou. E o malo é que non pagou só a revista, senón tamén a xente que escribía nela.

Sabemos actualmente da existencia de dous exemplares. Ben Cho Shey comentou como lle chegara a el a revista, por medio do cóengo Xesús Carro, que dera entrado na sede da editorial Nós antes de que sacaran as cousas para queimalas. Sabemos que se perderon outros moitos orixinais, o propio Fole falaba do seu libro Auga Lizgaira, que xa estaba feito. A pregunta é, como chega a mans do seu avó, Leuter González Salgado, este número?

Sinceramente, non teño nin idea. En principio había só un número que se salvara, o de Ben Cho Shey. Dos 132 exemplares editados eu teño 126, só seis desapareceron nestes 90 anos, despois de cambios de casa, de marchar de Ourense a Vilamarín. Se cadra, nalgunha viaxe a Santiago, a finais do 35, decidiu collelo... ou está tamén a posibilidade de que llo dese Ben Cho Shey. Eu sempre o vin na casa pero non lle dera a importancia que tiña, eu pensaba que me faltaba o derradeiro número, e unha tarde preparando cousas de Nós, decateime de que o tiña.

Para alguén que non saiba quen foi Eleuterio González Salgado, que lle diría del?

Sen dúbida ningunha, para min era un dos bos e xenerosos dos que fala o noso himno. O chamado por don Ramón [Otero Pedraio] "o noso Leuter". Foi en primeiro lugar galeguista. Foi un mestre, foi alumno destacado de don Vicente Risco -porque foi amigo del e incluso colaborador, cando estivo na Sección de Prehistoria do Seminario de Estudos Galegos. Foi militante das Irmandades da Fala e do Partido Nazonalista Republicano de Ourense, membro da mesa presidencial da Asemblea constitutiva do Partido Galeguista como secretario; redactor de distintas publicacións da época -ademais de Nós, A Nosa Terra, Heraldo de Galicia, La Zarpa... E despois, nos anos 40, un dos coordinadores, xunto con Paco del Riego, dos traballos que se incluían na emisión galega da BBC. Tamén foi, no ano 31, o primeiro concelleiro do Partido Galeguista e deputado provincial. Foi membro do Comité do Ferrocarril da Coruña e membro fundador da Caixa de Ourense. Unha cousa da que el presumiu era de ser presidente da Cruz Vermella durante cinco anos e até o golpe de Estado de 1936. Deu clases en distintos colexios de Ourense e na provincia e, no ano 38, foi obrigado a marchar de Ourense xunto coa súa familia a Vilamarín a dar clases deica o 45. Nese ano deixa o ensino e entra na empresa privada de transportes. Polo seu labor educativo e divulgador, Francia concedeulle en xullo do 36 o diploma da Real Academia de Francia e a correspondente condecoración, que gardou sempre con gran cariño. Participou tamén en iniciativas culturais, como a creación de Galaxia, e políticas, como a do Partido Socialista Galego. Titular da Agrupación Cultural Auriense...

Eu sempre dixen que a morte do meu avó, o 29 de marzo do 77, foi unha putada, porque o Estatuto estaba a ser tramitado en Madrid durante eses días e el morre exactamente un día antes da legalización do seu partido, o PSG, e soamente por un día non viu legalizado o partido ao que pertencía. Desde o ano 1936 non puidera ver o seu partido nesa situación de legalidade.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 481 de Sermos Galiza. Á venda na loxa e nos quiosques. Ou aquí se xa es subscritor]

Comentarios