A dereita emprega o asasinato de Samuel para unha nova criminalización dos Riazor Blues

Altar creado na honra do mozo Samuel Luiz. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O grupo de seareiros do Deportivo da Coruña, que vén de converterse en tema do momento ou 'trending topic' a nivel estatal, nega esta ligazón que lle atribúen algúns medios, que aluden tamén á suposta implicación "dunha banda latina". Representantes políticos de primeiro nivel como Toni Cantó acusan á "extrema esquerda" de estar detrás do crime e intentar esconder as referencias ás persoas detidas. 
As primeiras filtracións mediáticas sobre as seis persoas detidas en relación ao asasinato de Samuel Luiz están a pór A Coruña novamente no medio do debate español e creando un enfrontamento político entre dereita e esquerda.

Un medio estatal publicou imaxes dalgúns dos supostos criminais e mesmo apuntou á súa posíbel pertenza de parte dos implicados na malleira a "unha banda latina", a unha "feminista" que actuou de "instigadora" e a un mozo que no titular relaciona "cos Riazor Blues" sen fornecer ningunha fonte oficial.

Tal información vén de converter ao grupo de seareiros do Deportivo da Coruña, os Riazor Blues, nun dos temas do momento en Twitter. Así a dereita volve intentar a criminalización dos Blues.

A publicación derivou nunha importante cantidade de mensaxes de políticos e simpatizantes da dereita acusando á esquerda de ocultar toda a información sobre o crime até o de agora para culpar do acontecido ao clima creado por certas formacións políticas arredor do colectivo LGTBQI+.

Un asasinato levado ao debate político

Así, un asasinato inxustificado a un rapaz da Coruña de 24 anos está a traducirse nunha batalla en termos políticos. "Yumba, o terceiro dos detidos polo asasinato de Samuel, próximo aos Riazor Blues. Grupo de seareiros radicais do Deportivo de A Coruña de ideoloxía nacionalista de extrema esquerda. Matouno a dereita", destaca o actor reconvertido a político -primeiro de Ciudadanos e agora do PP- Toni Cantó. Acompañou o seu chío dun debuxo dunha persoa levando a man á cabeza xunto á última frase.

"Un latino, un perroflauta dos Riazor Blues e unha tía gritando que o mataran. Os tres detidos. E votáronlle a culpa a Vox", lamenta outro usuario. Precisamente o perfil dun home que se declara próximo a Vox destaca, mesmo esquecendo a presunción de inocencia: "Os asasinos resultaron ser un perroflauta dos Riazor Blues, un mulato brasileiro e unha muller. E a vítima un rapaz cristián de 24 anos que ensinaba a Biblia e tocaba música en misa. Inesperado xiro dos acontecementos. DEP Samuel".

A escritora e articulista Cristina Seguí tamén opina ao respecto da publicación nun medio estatal: "Unha muller arengando a malleira, unha banda latina e varios do grupo nacionalista de extrema esquerda Riazor Blues. Semella que os contratara Maestre nun casting de sicarios. Nin unha filtración das súas fotografías. A Marlaska só lle escapan as balas falsas".

A conta Lágrimas Progres engade: "Detidos pola morte de Samuel. Un ultra de extrema esquerda (Riazor Blues), un recentemente chegado brasileiro (veñen os mellores), unha muller (ser de luz), dous menores (menitas quizais?). Nin feito a propósito. A esquerda sostense sobre un castelo de naipes". Tamén se puideron ler outras mensaxes como: "Antifas, sudamericanos e Riazor Blues. Estamos a poucas horas de que Samuel caia ao máis profundo dos pozos do esquecemento".

A resposta, mesmo dos Riazor Blues

No entanto, tamén empregan o mesmo cancelo outras usuarias e usuarios que ven desde o lado contrario o publicado -só por un medio, que non explica as fontes que confirmaron as orixes nin relacións das persoas sospeitosas- e o acontecido despois. "Que demo significa "próximo" a Riazor Blues nunha cidade pequena onde todos os mozos se coñecen e todos son do Depor?", espeta unha persoa.

"Primeiro intentan atribuírllo a bandas latinas inexistentes e agora aos Riazor Blues. É realmente repugnante ver a extrema dereita querendo encubrir custe o que custe un crime homófobo", di outra.

Unha terceira apunta: "Quen non é próximo aos Riazor Blues na Coruña? Outra cousa ben distinta é o que dá a entender a prensa carroñeira e mentireira da meseta".

No medio desta lea de acusacións mutuas, desde a conta oficial dos Riazor Blues en Twitter comunicaron: "Onde están as probas que relacionan ese individuo cos Riazor Blues? Onde podemos coñecer esa proximidade co noso grupo? Esa información non aparece na noticia nin vai aparecer ningunha proba desa relación, porque non existe ningún vencello desa persoa cos Riazor Blues". Desta forma, rexeitaron un novo intento de criminalizalos.