A Deputación de Pontevedra insta aos ‘Concellos Ágora’ a limitar a 30 a velocidade

Imaxe da reunión con representantes dos concellos. (Foto: Deputación de Pontevedra)
O deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, lembrou que a nova norma da DGT, a aplicar a partir de maio, xa contempla ese límite nos cascos urbanos.

Os considerados ‘Concellos Ágora’ van seguir de maneira inmediata as mesmas normas que as chamadas ‘Cidades 30’ no que ao tráfico se refire. A Deputación de Pontevedra lembrou hoxe nun encontro con representantes destes municipios que deben limitar a velocidade a 30 quilómetros por hora.

O deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, explicou que esta restrición vai ser nos núcleos urbanos. A iniciativa foi ben acollida pola representación dos 43 municipios (dos 49 que forman a Rede Ágora) que participaron na reunión de traballo telemática.

De feito, esta norma de tráfico xa vai ser de uso obrigado polo novo Regulamento de Circulación da Dirección Xeral de Tráfico, que entra en vigor o próximo mes de maio, e así hai unha adaptación previa sen que os prazos se boten encima das administracións locais.

“Nós queremos ir por diante e cambiar de inmediato”, comentou Benítez. Ademais, incidiu en que hai un compromiso de todos para que nas plataformas únicas de convivencia de vehículos e peóns se fixe unha velocidade máxima de 10 km/hora.

Unha vez se estabelezca esta última idea cumprirase o principio número 6 do ‘Decálogo Ágora’ sobre os espazos seguros.

Desde o punto de vista do deputado, é fundamental que haxa máis sensibilidade nas contornas dos centros escolares. Para iso instou ás e aos representantes municipais a modificar as súas ordenanzas de mobilidade e incluír as zonas a 10 por hora dunha maneira explícita.

“A nova lei di 20 km/h para zonas de convivencia, pero nós defendemos os 10 km/h e aspiramos a que a futuro se recolla tamén así na norma. Queremos que nas nosas vilas só teñan 30 e 10 de velocidades máximas”, rematou.

Para a implantación destes cambios, a Deputación ofreceu aos municipios a axuda do persoal técnico da Rede Ágora e o da Rede de Cidades que Camiñan, á que está adherida a institución provincial.