A Deputación de Pontevedra censura relatoras que apoiaron o BNG

A xornalista e escritora Montse Fajardo. (Foto: J. L. Oubiña)
Fajardo, Quintas, Queixas e López foron excluídas dun proxecto

A Deputación de Pontevedra vén de confirmar a algunhas das participantes no proxecto 'Aquí faltan páxinas' –dependente do departamento de Igualdade e cuxa finalidade é rescatar biografías de mulleres invisibilizadas–, que xa non contarán con elas para a edición de 2024. 

Concretamente, a xornalista e escritora Montse Fajardo, a deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas, a avogada Elsa Quintas –candidata do BNG ás eleccións galegas por Pontevedra– e a profesora María Xesús López Escudeiro –delegada da Xunta da Galiza en Pontevedra entre 2007 e 2009–, deixarán de participar na segunda edición de 'Aquí faltan páxinas' estritamente "por motivos políticos". 

Así llo fixeron saber onte a Fajardo. "Chamáronme e dixéronme que non ía participar nesta edición. Nin eu, nin Queixas, nin Quintas, nin Escudeiro", confirma a xornalista a Nós Diario. "Todo apunta a que elas son censuradas por seren representantes públicas do BNG e eu por apoiar Ana Pontón e ser crítica coa xestión do Partido Popular", valora. 

Foi a empresa que xestiona o proxecto quen se puxo en contacto con Fajardo para comunicarlle a decisión de excluílas desta edición.

A programación da segunda edición de 'Aquí faltan páxinas' leva no forno varios meses. De feito, foi xa en decembro cando contactaron con Montse Fajardo para encargarlle o apartado correspondente a Virginia Pereira. Con todo, dous meses máis tarde soubo que o seu nome "non pasou o filtro". "Calquera diría que estamos nunha especie de lista negra", conclúe. 

Nós Diario púxose en contacto coa Deputación para coñecer a súa versión, mais non recibiu resposta.