A Deputación de Lugo suspende visitas e saídas nas súas residencias

José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo.
A Deputación de Lugo decide o feche das residencias de Ribadeo, Trabada, Pol e A Fonsagrada para non ter que lamentar consecuencias maiores

A Deputación de Lugo suspendeu desde esta sexta feira as visitas e as saídas nas residencias da súa rede, que están en Ribadeo, Trabada, Pol e A Fonsagrada, ante os gromos que se están a rexistrar nos últimos días.

O presidente do ente provincial, José Tomé Roca, pediu "comprensión" tanto aos usuarios como ás familias pola decisión, que xustificou para non pór "en risco" aos maiores. "É preferible prohibir e limitar o acceso agora que máis tarde ter que lamentar consecuencias maiores", dixo. 

"Seguimos coa nosa política de anticipación e cremos que debe primar a prudencia sempre que estea ao noso alcance", indicou Tomé Roca. A Deputación optou por "adiantarse", xa que Sanidade non pediu o peche destes centros e a decisión é "propia" para previr contaxios, engadiu.

En calquera caso, apuntou que a Deputación xa estaba a aplicar protocolos "moi rigorosos" para as visitas do exterior nos centros xeriátricos. Cada residencia irá "evolucionando segundo as circunstancias sanitarias da zona na que se atopa" e seguiranse os protocolos que indique Sanidade, engadiu.