A Deputación de Lugo exixe á Xunta paralizar a reforma da residencia das Gándaras e manter as habitacións individuais

Pleno da Deputación de Lugo este 24 de febreiro (Foto: Deputación de Lugo)

O pleno provincial aprobou reclamar a rectificación do proxecto para garantir a intimidade das persoas maiores residentes e aprobou tamén iniciativas sobre atención á diversidade nos centros educativos, protección do patrimonio e a rehabilitación integral da N-540.

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este 24 de febreiro exixir á Xunta que rectifique o proxecto de reforma da residencia das Gándaras, en Lugo, “para garantir a dignidade e os dereitos das persoas maiores usuarias do centro”.

A iniciativa, presentada polo PSdeG, saíu adiante cos votos favorábeis de socialistas, BNG e o deputado non adscrito, e co rexeitamento do PP. En concreto, a moción reclama a paralización inmediata das obras que prevén transformar habitacións individuais en dobres nesta residencia, unha das máis grandes da cidade de Lugo, con 218 prazas.

Así, o goberno provincial considera que a reconversión das estancias “vulnera a intimidade” das persoas residentes e aposta por un modelo baseado en unidades de convivencia que priorice os espazos individuais fronte a fórmulas que, ao seu xuízo, “supoñen un retroceso na calidade asistencial”.

A presidenta da Deputación, Carmela López, defendeu que Lugo debe posicionarse como unha cidade que coida ás súas persoas maiores e lembrou as mobilizacións promovidas por residentes e familias en contra do proxecto.

Na mesma liña, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, subliñou que a habitación representa para moitas persoas maiores o seu único espazo de intimidade dentro do centro e recalcou que unha residencia “non é un almacén, senón un fogar”.

Neste contexto, o acordo plenario insta a Xunta a modificar o proxecto para manter as habitacións individuais e a convocar unha reunión coa administración, a dirección do centro, os representantes das persoas residentes e as familias afectadas, co obxectivo de consensuar calquera reforma futura.

Atención á diversidade

Noutra orde de asuntos, o pleno aprobou outra moción para reclamar ao Executivo o “reforzo urxente” do persoal de atención á diversidade nos centros educativos públicos. A proposta contou tamén co respaldo de PSdeG, BNG e o deputado non adscrito, e co voto en contra do PP.

A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, advertiu da falta estrutural de profesorado especialista, especialmente en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, o que, segundo indicou, “impide garantir unha educación inclusiva e adaptada ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo”.

A iniciativa reclama a posta en marcha inmediata dun plan de choque que reforce os recursos humanos e económicos destinados á atención á diversidade, a revisión dos criterios de asignación e das ratios de profesorado especializado e a cobertura efectiva de todas as prazas necesarias para evitar desigualdades entre municipios.

Coidado do patrimonio

A maiores, a Deputación reclamará á Xunta unha actuación planificada e preventiva para protexer o patrimonio da provincia e evitar danos irreversíbeis en bens culturais. A iniciativa, impulsada polo BNG, foi aprobada no pleno malia a oposición do PP.

Durante o debate, a deputada nacionalista Iria Castro criticou a “falta dunha política de conservación eficaz” por parte do Goberno galego, ao que lle corresponde a protección dos Bens de Interese Cultural (BIC).

“O que lles pedimos non é que sexan os máis rápidos cando hai derrubamentos en bens patrimoniais, senon que teñan plans para evitar que caian. Falan da actuación na Muralla, pero hai un informe previo que fala doutros quince puntos críticos”, explicou a portavoz nacionalista.

“Non falamos só da Muralla, senón doutros bens que perdemos pola súa inoperancia. A Torre de Torés, onde non foron facerse a foto. Tamén podemos falar da Torre de Caldaloba: non miraron para ela en 30 anos, até que esta administración se interesou por ela. Ou da Casa Benedicto, na que estaban moi interesados até que lles pedín que lle devolvan a protección que lle quitaron en 2024”, enumerou a deputada nacionalista en relación coas decisión da Xunta sobre o patrimonio da provincia.

Unanimidade sobre a N-540

Na mesma sesión, o pleno aprobou por unanimidade unha moción para esixir ao Goberno central unha rehabilitación integral da N-540, a principal vía de conexión entre Lugo e Ourense. O BNG reclamou “reparacións urxentes” nos treitos máis deteriorados durante o primeiro semestre de 2026 e a posta en marcha dunha reforma estrutural da estrada.

Nesta liña, o deputado Daniel García advertiu do risco que supón o estado actual da vía para a seguridade das persoas usuarias e denunciou “o déficit de investimento en infraestruturas viarias na provincia”.