O PP veta que se fagan públicas as actas das inspeccións a residencias

"Ocultan os datos para protexer as empresas", denuncia a nacionalista Olalla Rodil.
Olalla Rodil nun Pleno no Parlamento galego nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)
Olalla Rodil nun Pleno no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

As actas e informes de inspección das residencias clausuradas por desatención ás usuarias en Amoeiro (comarca de  Ourense) Xinzo (A Limia), e as que corresponden á da DomusVi de Monforte (Terra de Lemos), que leva anos sendo denunciada por incumprimentos por parte de familiares, persoas usuarias e traballadoras;  non se van facer públicas.

Como tampouco se vai "dar publicidade" ás inspeccións ordinarias que se fan nas diversas residencias de maiores ou de servizos sociais da Galiza. Nin tampouco se vai publicar o Plan de inspección de servizos sociais de Galiza para o ano 2025 e a rendición da avaliación do ano 2024. Todas estas peticións, recollidas nunha moción defendida esta terza feira no pleno do Parlamento galego polo polo BNG e que contou co apoio do PSdeG, de Democracia Ourensá; non saíron adiante  polo voto contrario do PP.

O veto do Partido Popular a esta proposta tamén impide que a Cámara dea o visto e prace a que se duplique o número de inspectores da Consellaría de Política Social e "restituír o sistema de traballo que impide coñecer as datas e horas de inspección dos centros a persoas alleas ao propio corpo inspector". 

A nacionalista Olalla Rodil manifestou que "non pode ser que neste país fechen dúas residencias de maiores nas que había persoas desnutridas e sen asear e que non se permita saber que viron os inspectores de Política Social neses centros". 

Segundo explicou, a información remitida pola Xunta entre 2017 e 2020 fala de que se realizaron 757 visitas, incoándose 38 expedientes e impoñéndose 16 sancións firmes. Porén, nun listado remitido ao BNG por outra vía, infórmase de 1.144 inspeccións e 39 sancións firmes no mesmo período de tempo. “É unha feira de cifras”, afirmou Rodil, que considera que o PP está "agochando e manipulando información para protexer as empresas na vez dos dereitos das e dos usuarios".

Silvia Longueira (PSdeG) incidiu en que todas as peticións recollidas na moción "poderían levarse a cabo sen problema, non se pide nada estrambótico" e que a súa aplicación "melloraría" as residencias.

Porén, Raquel Arias (PP), acusou o BNG de, con propostas como a que se debatía,querer "entrar e controlar os centros de maiores. Os galegos non queremos ter unha sede do BNG ou da CIG en cada residencia".

Comentarios