A Deputación da Coruña rende homenaxe ás "mulleres do pasado"

A deputada da área de Igualdade, Soledad Agra, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
A entidade propón unha reflexión interxeracional.

"Mulleres do pasado, semente de futuro". Baixo este epígrafe puxo esta segunda feira en marcha a área de Igualdade da Deputación da Coruña a súa campaña institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras. Segundo explicou a deputada Soledad Agra, o obxectivo da mesma é render homenaxe ás mulleres que, desde o anonimato, loitaron por cambiar o mundo, "buscando un futuro mellor para as devanceiras xeracións, e que forman parte da historia cotiá das familias do país". 

"As que loitaron por alcanzar os dereitos dos que hoxe desfrutamos, que son o froito do traballo colectivo e da coraxe de moitas mulleres", sinalou a deputada. "Queremos visibilizar as dificultades e os logros das nosas antecesoras, nunha campaña que se enmarca na prioridade deste departamento, que é a de contribuír a conseguir a igualdade real en todos os espazos da vida", engadiu. 

En liña co propósito da campaña, a Deputación da Coruña propón unha reflexión conxunta entre a xeración homenaxeada e a mocidade actual. Así, levarase a cabo unha dinámica interxeracional consistente en entrevistas realizadas por alumnado de diferentes centros educativos ás súas avoas ou mulleres maiores de 70 anos. "Algo que lles brindará a oportunidade de interactuar aprendendo das súas historias, experiencias e sabedoría", explicou Agra. 

Un acto institucional o propio 8-M contará coa lectura dun manifesto e coa actuación musical de Guadi Galego. A programación da Deputación completarase  coa difusión de material informativo nos centros de ensino e cun encontro no IES Rosalía Mera da Coruña no que intervirán algunhas das avoas entrevistadas. 

Políticas de xénero

Coincidindo coa presentación desta programación, o Boletín Oficial da Provincia publicou a concesión de subvencións por valor de 20.973 euros a entidades sen fins de lucro para o investimento en políticas de xénero no ano 2024.