Deputación da Coruña pide que se paralicen os parques eólicos previstos para a comarca de Ordes

(Europa Press)

Tamén acorda reclamarlle á Xunta unha reforma do Plan Sectorial Eólico, atendendo ás reclamacións de institucións e colectivos que levan dous anos esixindo que esta zona quede libre deste tipo de proxectos

“O Pleno da Deputación da Coruña traslada todo o seu apoio á veciñanza da comarca de Ordes, así como á Mancomunidade, aos alcaldes e corporacións municipais que coas súas declaracións institucionais e variadas accións levan anos reclamando que se reforme o Plan Sectorial Eólico de Galiza, paralizando os proxectos actualmente propostos para a comarca de Ordes, e procurando un mellor equilibrio entre o impacto e o retorno desta actividade nos territorios, atendendo ás demandas expresadas polos colectivos e entidades”. Este é o acordo aprobado no pleno da Deputación da Coruña, cos votos a favor de PSdeG, BNG, Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica, a iniciativa destes últimos.

O organismo provincial acordou tamén que se dea traslado deste posicionamento á Consellería de Economía, á Consellería de Medio Rural, á Consellería de Medio Ambiente, ao propio presidente da Xunta, ao Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, ao Ministerio de Enerxía, ao Parlamento Galego, ao Congreso dos Deputados e a todos os concellos da comarca de Ordes.

A moción aprobada pola Deputación denuncia que ao longo dos dous últimos anos se levan rexistrado para a súa tramitación na Xunta ou no Estado un total de 14 parques eólicos promovidos por diferentes multionacionais para instalarse na comarca de Ordes, que debería ser unha zona protexida por estar declarada oficialmente como de “especial interese agrario”1.

Desde a asociación ‘Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas’ celebran que a Deputación aprobara dita moción e instan a Xunta de o Estado “a mover ficha e non permitir que os intereses da cobiza empresarial se poñan por riba do ben común”.