A Deputación da Coruña estuda levar a Fundación Francisco Franco aos tribunais

Franco e Millán Astray

Os servizos xurídicos analizan se hai marxe legal para denunciala por un delito de odio, segundo afirmou a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, nunha entrevista na Cadena Ser.

A Deputación da Coruña avalía denunciar a Fundación Francisco Franco (FFF) por un delito de odio, tal e como solicitou a Comisión pola recuperación da memoria histórica (CRMH) após o último comunicado da entidade que leva o nome do ditador. Nesa mensaxe, a Fundación negaba que Franco fusilase ou ditase condenas de morte, para alén de falar de “xenocidio de católicos” pola Fronte Popular.

 

A vicepresidenta da entidade provincial, Goretti Sanmartín, afirmou nunha entrevista en Ser-Galicia que están a estudar cos servizos xurídicos da Deputación a posibilidade de denunciar a Fundación por un delito de odio. “Estamos analizando se podemos denunciar a Fundación Francisco Franco por un delito de odio e exiximos ao presidente da Xunta maior contundencia, que sexa rotundo en condenar calquera tipo de apoloxía do franquismo”.

 

Sanmartín engadiu que no seo do PP hai xente que está “indignada” polo que está a acontecer co Pazo de Meirás, cuxas visitas son xestionadas pola FFF, que se gabou de utilizalas para ensalzar a figura do ditador. Unha cuestión que xera o rexeitamento unánime de institucións (Deputación, Concello de Sada) e forzas da oposición.