Memoria Histórica pide que se denuncie a Fundación Franco por delito de odio

A CRMH  propón á Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás que considere como “acción urxente e inmediata” dar este paso.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) ten claro que o último comunicado da Fundación Francisco Franco - no que negaba que o ditador fusilase e acusada os republicanos de realizar un “xenocidio de católicos”- é un paso máis no “relato negacionista” dos asasinatos franquistas.  Un relato no que a Fundación non só equipara vítimas e verdugos, afirma a Comisión, senón que mesmo converte as vítimas en verdugos.

 

Por iso, a CRMH pedirá á Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás que considere como “acción urxente e inmediata” presentar unha denuncia contra a Fundación Franco por delito de odio, mentres se segue a explorar a vía para a súa ilegalización por apoloxía do franquismo.

 

A Comisión sostén que existen ferramentas legais para frear este tipo de condutas a través do Código Penal, e sinala o Artigo 510.1, c) do CP, que tipifica como delito de odio condutas que “publicamente neguen, trivialicen gravemente ou enaltezan os delitos de xenocidio, lesa humanidade ou contra as persoas e bens protexidos en caso de conflito armado, ou enaltezan os seus  autores...”.

 

Por último a CRMH subliña que “non é casual este rexurdir do discurso franquista” no Estado español, que a Fundación Franco, di,  persigue, “nunha estratexia propia ou deseñada desde outras instancias”.