A deputación coruñesa destina 27,4 millóns de euros á area social

A asistencia Telemática para os maiores conta cunha partida de 720.000 euros.
A Deputación coruñesa aumenta en 15,6 millóns de euros a súa partida para a área social nos Orzamentos 2021

A Deputación coruñesa incrementa o investimento nos seus programas sociais para 2021 en 15,6 millóns de euros. A Administración pasa así de 11,8 millóns a 27,4 millóns de euros na partida para a área social dos Orzamentos deste ano para facer fronte ás consecuencias da pandemia entre os colectivos especialmente vulnerábeis e as familias con menos recursos. 

“En 2021 imos facer a maior aposta social da historia da Deputación” afirmou o presidente, Valentín González Formoso. 

Ademais, destacou que as políticas de emprego, reactivación económica e axudas aos sectores máis afectados polas consecuencias da pandemia serán, xunto coa área social, “as prioridades absolutas durante este ano”. 

Un plan único máis social

O principal programa de investimentos da Deputación, o Plan Único, incrementa o seu orzamento incial de 47,2 a 64,6 millóns de euros e adáptase á dificil situación actual, incorporando un “fondo social” de 14 millóns de euros que se destinarán en exclusiva ao gasto social.

Así, “un de cada cinco euros do Plan Único de 2021 destinarase a reforzar os programas de protección social dos colectivos máis vulnerábeis, para non deixar ninguén atrás na saída desta crise”, indican desde a Administración.

O plan de apoio aos servizos sociais municipais, que conta cunha partida de 8 millóns, permitirá “contratar preto de 200 profesionais da área social nos municipios e financiar arredor de 300.000 horas de servizo de axuda no fogar”. 

O servizo de Teleasistencia verase reforzado cun orzamento de 720.000 euros, xa que durante a pandemia experimentou un importante incremento do número de usuarias, que supera as 2.700 persoas.