A depresión tropical 'Danielle' é xa un furacán: Pode chegar á Galiza?

Predición da traxectoria de 'Danielle' elaborada polo NHC. (Foto: NHC)
O National Hurricane Center confirmou a súa formación a primeira hora da tarde.

Na tarde desta sexta feira, a depresión tropical Danielle converteuse definitivamente nun furacán, segundo confirmou o National Hurricane Center (HNC) nas súas redes sociais. Durante toda a mañá, o centro de control xa avisara do fortalecemento desta tormenta, que podía levala a converterse no primeiro furacán no Océano Atlántico desta actual tempada.

O físico e meteorólogo da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) Juan Jesús González Alemán, un dos máis reputados especialistas neste tipo de fenómenos e quen xa fora un dos primeiros en avisar de que esta situación podía suceder, explicou que “é moi anómalo. Convértese no primeiro ciclón formado ‘perto’ da península en ser furacán tan ao norte”.

Para o experto, que o pasado 31 de agosto deu a voz de alarma na súa conta de Twitter, onde advertiu de que se mantiña “o firme escenario de presentar unha estrutura robusta e moverse cara ao leste, achegándose á Galiza”, a predición da formación deste furacán “é unha proba máis do grande avance que conseguiu a modelización meteorolóxica”.

González Alemán tamén explicou que a traxectoria de Danielle tende agora mesmo “máis cara ao leste”, o que fai que crezan as probabilidades de que poida chegar ao noso país, aínda que non se poida afirmar con total exactitude.

Feito “sorprendente”

Nas primeiras horas da formación de Danielle, o especialista Francisco Martín León explicaba en Meteored que podería darse o que cualifica como “feito sorprendente” no Atlántico: “O primeiro furacán da temporada formaríase lonxe das zonas tradicionais do Caribe, Golfo de México ou outras zonas do Atlántico occidental onde adoitan formarse os primeiros furacáns”.

O National Hurricane Center segue a traxectoria deste furacán que se acaba de formar, e para o que a Administración dos EUA cifraba en 80% a posibilidade de que sucedera.

Tanto Meteogaliza como a Aemet nos anteriores días á detección deste fenómeno meteorolóxico non advertiron da súa formación, se ben as súas previsións coincidían en apuntar abundantes chuvias, especialmente na fin de semana.