As denuncias por violencia de xénero na Galiza aumentaron case 20% nos últimos dez anos

A memoria 2021 da actividade xudicial da Galiza recolle que 21% de persoas novas consideran que a violencia de xénero non existe. (Foto: Europa Press)
O ano pasado rexistráronse 6.259 denuncias por violencia de xénero.

O número total de denuncias por violencia de xénero na Galiza en 2021 foi de 6.259, 2,7% máis que en 2020 e 17,67% máis que hai unha década, segundo as cifras do Consello do Poder Xudicial. Os datos, recompilados no informe 'Violencia de xénero e emprego' da Fundación Adecco, indican que a taxa de violencia de xénero -número de denuncias por cada 1.000 mulleres- foi de 4,5 en 2021. A cifra supón estar por baixo da media estatal, de 6,8 denuncias por cada 1.000 mulleres.

Ademais, o estudo constata que o descenso de denuncias durante 2020, 7% menos que en 2019, débese a que "en épocas de crise, como a pandemia, cae o volume debido ás maiores dificultades que atopan as mulleres para pedir axuda".

O informe da Fundacción Adecco, que basea as súas conclusións nunha enquisa a 210 desempregadas vítimas de violencia de xénero no conxunto do Estado español, sinala que 91% das enquisadas manifesta algún grao de dificultade para chegar a fin de mes. Nesta liña, o estudo mostra que seis de cada dez desempregadas vítimas da violencia de xénero aceptaría un posto de inferior cualificación con tal de ter un emprego. Ademais, 46,09% traballaría sen cotizar na Seguridade Social.

O estudo subliña que 62% das entrevistadas cre que seguen existindo prexuízos á hora de contratar unha muller que acredita condición de violencia de xénero e 73% delas prefire non comunicar esta situación. Así, 43% sinala que se lles achaca ser persoas inseguras, mentres que 39% indica que existe  a crenza de que se ausentarán máis do seu posto laboral.

Datos en 2022

A Galiza fechou o segundo trimestre de 2022 con 1.813 denuncias por violencia machista, o que supón 9,9% máis que no mesmo período de 2021. A taxa de violencia de xénero entre abril e xuño deste ano foi de 13, a segunda máis baixa do Estado español -só por detrás de Castela e León (11,6)- e 5,4 puntos por baixo da media estatal.

En canto ás ordes de protección solicitadas, foron 486 no segundo trimestre de 2022, 7,4% menos que no mesmo período do ano pasado. Delas, foron aprobadas 344 (71 %), fronte ás 348 de 2021. Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 126 ordes de protección, un incremento interanual de 16,7 %.

Os xulgados de menores axuizaron catro persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller, mentres que o ano anterior só foi xulgada unha persoa no mesmo período por procesos de violencia de xénero.