VÍDEO | Denuncian a situación "límite" do Hospital de Monforte, con pacientes amoreados nos corredores
O BNG alerta de que a situación no complexo hospitalario é “insoportábel”.
O BNG vén de denunciar o “colapso” do servizo de Urxencias do Hospital de Monforte, na Terra de Lemos. Segundo traslada a formación nacionalista, esta sexta feira ducias de pacientes víronse obrigados a agardar nos corredores para ser atendidos, uns en padiolas e outros en cadeiras de rodas, coa sala de espera “desbordada” e “un persoal sanitario entregado” que traballou “toda a xornada”, “sen medios nin reforzos”.
A situación, afirma o responsábel local e concelleiro do BNG, Manuel Luaces, é “insoportábel”. “E non é nova. É consecuencia directa da política do PP na Xunta: recortes, abandono da sanidade pública, privatización encuberta”, engade.
📹 Pacientes nos corredores do servizo de Urxencias do Hospital de Monforte, esta sexta feira pic.twitter.com/QAIQD3yvQW
— Nós Diario (@NosDiario) April 12, 2025
Desde a formación nacionalista exixen “unha resposta inmediata” contra o que consideran unha "situación límite" froito do “desmantelamento da sanidade de todas e todos”. “Monforte está a pagar as consecuencias”.
Outras deficiencias no hospital
Esta mesma semana, o deputado do BNG no Parlamento galego Iago Suárez alertaba na Cámara doutras deficiencias que considera que presenta o Hospital de Monforte. Suárez denunciou que Sanidade “continúa a incumprir a lei ao non dotar de médico específico o Servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO)”. Segundo o deputado, o hospital monfortino é o único da Galiza que non conta con esta praza específica.
Mais non é a primeira vez que este centro sanitario é motivo de debate no Parlamento e é que, tal e como ironizou o deputado nacionalista, “probabelmente estea pugnando co do Barco (Valdeorras) para ver cal dos dous está en peor estado”, mencionando no caso do de Monforte as carencias que xa foron obxecto de iniciativas do BNG en áreas como a de Cirurxía, Dixestivo, Psiquiatría, Rehabilitación, ou Radioloxía.
O caso máis recente foi a falta de mamógrafo, que foi reposto após o acordo unánime no Parlamento a iniciativa do BNG, e que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, “considerou que debía inaugurar”. ”O señor Caamaño inaugurando un mamógrafo!, como se non fose un servizo esencial que levaba estragado meses. Como terán que estar as cousas na Xunta para que teña que vir o conselleiro inaugurar un mamógrafo a Monforte!. Que pena”, lamentou Suárez.
Para o BNG, esta situación non só repercute negativamente na atención ás e aos, senón tamén na “sobrecarga do persoal médico existente, que debe asumir funcións adicionais sen os recursos axeitados”. Para o deputado nacionalista, este “incumprimento” é unha mostra das “profundas eivas na planificación sanitaria do Goberno galego”, especialmente nos territorios máis afectados pola perda demográfica.

