Sanidade

Denuncian que o Sergas deixou a localidade Cangas cun só facultativo no centro de saúde

O centro de saúde de Cangas esta terza feira (Foto: Nós Diario).
A unión local da CIG no Morrazo denuncia que unha “temeraria sobrecarga de traballo na asistencia do persoal do PAC se dea en véspera de festivo, coincidindo coa actividade de ocio nocturno propio do Samaín e, unha vez máis, cunha médica menos no servizo de urxencias”.

“En véspera de festivo, a Xerencia de Atención Primaria de Vigo deixa o Servizo de Urxencias e os Centros de Saúde de Moaña e Cangas cunha asistencia médica baixo mínimos. En horario de tarde están a pasar consulta dous médicos en Moaña e un só médico en Cangas”.

Así indican desde a federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) a situación que viven os centros médicos de Moaña e Cangas, na área sanitaria de Vigo.

Ante a falta de instrucións por parte da dirección médica, a maiores das cancelacións nas consultas ordinarias, o Punto de Atención Continuada (PAC) de Cangas “deberá asumir ademais das emerxencias que atende habitualmente, toda asistencia urxente dos pacientes de Moaña ou Cangas”.

A unión local da CIG no Morrazo denuncia que esta “temeraria sobrecarga de traballo na asistencia do persoal do PAC se dea en véspera de festivo, coincidindo coa actividade de ocio nocturno propio do Samaín e, unha vez máis, cunha médica menos no servizo de urxencias”.

Para o sindicato nacionalista está “máis que demostrado” que o Sergas “minte” cando di que a falta de persoal médico debese a “causas puntuais, por situacións sobrevenidas froito da época estival”. Posto que esta situación “lonxe de darse tan só na época estival continuou producíndose de forma permanente durante os meses de verán os de setembro e outubro até chegar a tocar fondo no día de hoxe”.

“Pese a existir necesidades de coberturas de longa duración, a Xerencia de Atención Primaria de Vigo négase a asinar contratos estábeis ao persoal facultativo”, indican desde a CIG.

Explicacións

A CIG-Saúde asegura que pedirá explicacións sobre a situación sanitaria de Cangas e Moaña na vindeira reunión coa Xerencia e dará información polo miúdo ás alcaldesas de ambos concellos, para pedir que incorporen ás súas reivindicacións a necesidade dunha cobertura estábel do persoal de urxencias que atende dende o PAC de Cangas á poboación de ambos municipios.