Medio Ambiente

O plan reitor das Fragas do Eume, a exame un ano despois: "É papel mollado, a Xunta fixo unha política de brazos caídos"

A vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, visitou esta cuarta feira as Fragas do Eume. (Foto: Xunta da Galiza)
O 2 de marzo de 2023 o Goberno galego aprobaba o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural das Fragas do Eume, documento que rexe o funcionamento deste espazo protexido. Un ano despois, o propio Goberno galego semella ser o único satisfeito cun plan que representantes do ambientalismo e da veciñanza cualifican de "papel mollado".

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, achegouse esta cuarta feira até as Fragas do Eume para asinar a adquisición de tres parcelas privadas no parque natural aos seus propietarios, unha maneira de celebrar o primeiro aniversario do PRUX. "Cadaquén é libre de facer o que queira cos seus terreos, como se os regalan, mais o que se ofrece é unha burla: entre 0,60 e 0,70 euros por metro cadrado. Hai moitos anos vendeuse o metro cadrado na zona do mosteiro a 1,75", afirma a Nós Diario Ángeles Pita, veciña da zona e presidenta da asociación de propietarios Parque Natural do Eume. "Ten que haber parque, protexido e ben conservado, mais a Xunta non pode facelo por riba dos nosos dereitos", conclúe. 

Unha das características que definen o parque é a fragmentación da súa propiedade. As súas 9.125 hectáreas de ladeiras e montes que acompañan o río Eume divídense entre 19.467 parcelas, que posúen un gran número de pequenas propietarias e propietarios. 

As do Eume son as fragas costeiras mellor conservadas de Europa e representan un dos escasísimos bosques do seu tipo no continente. Albergan numerosas especies animais e vexetais ameazadas. Declarado Parque Natural polo Goberno galego en 1997, non tivo plan reitor até marzo 2023, cando legalmente debería ser aprobado antes do ano 2001.

"O PRUX aprobouse en solitario pola Xunta, sen ter en conta nin os concellos nin a veciñanza nin o ecoloxismo", lembra en conversa con Nós Diario Iago Varela, daquela tenente de alcalde de Cabanas, un dos concellos —canda A Capela, As Pontes, Monfero e Pontedeume— que abrangue o parque. Un ano despois, afirma, o PRUX é "papel mollado, a Xunta fixo unha política de brazos caídos".

Nes Lópes, de Adega, considera que "non hai vontade real" por parte da Administración galega "de conservar este espazo único como se merece". Para o ambientalista, o Goberno galego, no primeiro ano do Plan de usos, "simplemente cubriu un trámite", fixou uns "mínimos" mais sen "interese" en avanzar na conservación. "O Plan permite seguir a cultivar eucaliptos onde xa se plantaban", critica, ao que engade o "escaso control ao acceso sobre zonas de gran riqueza biolóxica", así como a renuncia a que o parque inclúa áreas de alto valor ambiental como "o Pico Vello, onde nacen cinco regatos, entre eles o río Belelle". 

Só o 3% é zona de reserva

Na actualidade só 30% das Fragas está ocupado por frondosas caducifolias. O eucalipto ocupa por volta de 2.000 hectáreas, o 23% da superficie total do parque. Unha das principais críticas que o ecoloxismo galego fai ao PRUX é a escasa superficie da zona de reserva, a de maior protección, que supón unicamente 3,3% da superficie total do parque: 304 hectáreas dun total de 9.125. "É unha vergoña", conclúen.