Denuncian que o parque eólico Soesto ameaza a contorna dos Penedos de Pasarela e Traba

Zona afectada polo parque eólico Soesto (Foto: Salvemos Cabana).

Salvemos Cabana alerta de que o proxecto de EDP Renovábeis S.L. en Laxe afectará á biodiversidade e a nivel paisaxístico zonas limítrofes coa Rede Natura 2000. O prazo presentación de alegacións contra esta iniciativa remata o 31 de outubro e a asociación está a preparar alegacións públicas.

A asociación de defensa ambiental Salvemos Cabana alerta de que o proxecto de EDP Renovábeis S.L. en Laxe, malia contar só con dous aeroxeradores, “servirá de punta de lanza para arruinar a mellor franxa litoral da Costa da Morte”.

A través dun comunicado sinala que o plan enerxético  presentado “ten infraestruturas asociadas a outros dous proxectos da compañía na mesma área: o parque eólico Monte Chan, que pretende instalar nove aeroxeradores de 200 metros de altura en punta de pa e o parque eólico Pena dos Mouros, que con sete turbinas eólicas de idénticas dimensións”.

Este colectivo denuncia que se se consuma a proposta empresarial o seu resultado será “destruír de maneira irreversíbel o que até o de agora era considerado unha das paraxes máis espectaculares do noroeste peninsular convertendo a zona en solo industrial”.

Desde Salvemos Cabana sinalan que o procedemento fragmentado de tramitación de proxectos eólicos “deriva nunha deficiente avaliación dos efectos ambientais xerados polo total das instalacións”, unha práctica que veñen denunciando nos últimos anos “até o punto de que a Xustiza anulou o procedemento administrativo dalgúns parques a nivel estatal, recoñecéndoo como un feito ilegal”.

O colectivo ambientalista sinala que os parques eólicos e as súas liñas de evacuación “teñen que ser contemplados como un todo integrado nun mesmo proxecto”, algo que neste caso non sucede.

En perigo aves e morcegos

No caso do parque eólico Soesto o nivel de afectación sobre a contorna aseguran que será “moi elevada”, tanto a nivel paisaxístico como sobre a biodiversidade existente. “O proxecto está nunha zona limítrofe coa Rede Natura 2000 e a Zona Especial de Conservación (ZEC) Costa da Morte”, aseguran, “e cunha presenza na área inmediata de 105 especies de aves, 8 delas catalogadas como vulnerábeis ou en perigo de extinción".

Na listaxe de aves que podería danar o proxecto eólico figuran subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. Lusitanica Steinbacher) amparada -en teoría- polo Decreto galego 75/2013, de 10 de maio, “polo que se aproba o plan de recuperación da especie”, lembra o colectivo.

Salvemos Cabana afirma que a empresa recoñece que o impacto será tamén moi elevado entre os quirópteros tendo en conta que en todos os proxectos que pretende desenvolver (Soesto, Monte Chan, Pena dos Mouros, Monte Agrelo e Muriño, Bustelo e Baralláns, Alto Torreiro) teñen presenza un total de nove especies e oito xéneros entre os que se atopan o morcego das covas (Miniopterus schreibersii), o morcego rateiro grande (Myotis myotis), o morcego mediterráneo de ferradura (Rhinolophus euryale) e o morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum), catalogados como “vulnerábel” a nivel estatal e galego, e o morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros) catalogado como “vulnerábel” a nivel galego.

Dano para a paisaxe de Pasarela e Traba

O colectivo afirma que se se leva a cabo o proxecto a zona quedará “completamente arrodeada de aeroxeradores de 200 metros de altura”.

Para Salvemos Cabana, este feito é “claramente incompatíbel co Convenio Europeo da Paisaxe, que insta aos Estados a "conservar e manter os aspectos significativos ou característicos dos mesmos" e coa Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, que recoñece que as paisaxes protexidas”.

O colectivo informa que está preparando unhas alegacións públicas xerais que estarán dispoñibeis para o seu envío á Administración a partir do 24 de outubro. O prazo de entrega finaliza o próximo 31 de outubro.