Denuncian que Educación deixará 193 baixas de profesorado sen cubrir

Concentración da CIG-Ensino diante da EGAP en Compostela (Nós Diario)

A CIG, diante das instalacións da EGAP en Compostela, e CCOO, ás portas da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, protestaron contra os “recortes” e a non prolongación do programa ARCO.

Os sindicatos educativos CIG-Ensino e CCOO denunciaron esta quinta feira en Compostela a falta de cobertura de baixas e a finalización do programa vencellado ás necesidades especiais ARCO.

Delegadas e delegados da CIG-Ensino concentráronse ante a sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Compostela para mostrar a súa indignación diante o que consideran unha "pandemia dos recortes" no sistema educativo e reclaman "menos ratio e máis docentes" para asegurar a atención aos menores, especialmente aos máis vulnerábeis.

O secretario nacional da central nacionalista, Suso Bermello, condenou que a Xunta antepoña "cuestións económicas" ás didácticas e sanitarias a pesar de que nos centros educativos galegos está a maior parte da poboación que non recibiu a vacina. Rexeita que se mantivera a proporción máxima de alumnado por aula en infantil e primaria "por ese concepto inventado" dos 'grupos burbulla' e que agora se agrava coa falta de cobertura das baixas e a non ampliación do programa ARCO.

Bermello apunta que este tipo de prácticas “non son novas” e son as  que segue a Consellaría cada ano "en vésperas de Nadal, en vésperas de Semana Santa e final de curso", atrasando contratacións ou eliminado a posibilidade de cubrir estas vacantes.

O representante sindical engade que nas actuais circunstancias de pandemia a situación empeorou. Segundo datos da central nacionalista mantéñense 193 baixas sen cubrir, das que 131 son de infantil e primaria, a pesar de ser o sector "máis castigado sanitariamente" na actualidade nos centros educativos.

Remate do programa ARCO 

A decisión da Xunta de non ampliar as contratacións vinculadas á iniciativa ARCO foi tamén criticada aínda que desde a CIG non compartan ese modelo de contratos "temporais, a media xornada", e que unicamente é "un parche". Porén, Bermello afirmou que "unha vez que existen non ten sentido que se limiten e botar á xente agora nestas datas".

Estes reforzos cesarán o vindeiro 21 de decembro mais algúns entraron a traballar mesmo en novembro polo que só traballarán un mes.

Brais Pedreira, do centro San Cosme de Barreiros, denuncia que con esta decisión o alumnado con necesidades quedará "á súa sorte" e "abandonado", polo que pide “que se amplíe" para así garantir a atención destes menores.

Petición á Valedora do Pobo

Ás portas da Consellaría concentrábase tamén CCOO para esixir a cobertura de baixas médicas nos centros docentes do territorio e denunciar a non prolongación do programa ARCO de apoio, reforzo de competencias e orientación, a pesar de que os centros educativos así o demandan.

Este sindicato solicitou á Valedora do Pobo que interceda ante a Administración galega na cuestión das incapacidades temporais e a ampliación do programa ARCO e volveu reclamar estas cuestións ante a mesa sectorial docente.

Desde ANPE Galiza advertiron neste órgano negociador que o programa tiña unha duración de tres meses e "quedou de facto nun mes" e denunciou a falta de cobertura de substitucións tanto en primaria como secundaria.