Denuncian que a comarca da Mariña leva 10 días sen helicóptero de rescate

Unha avaría no Sikorsky s76c+ da base de Celeiro (Viveiro) deixou esa unidade inoperativa, "e non foi substituída", denuncian desde o persoal.

Gardacostas é un servizo público galego, dependente da Consellaría do Mar, que enmarca labores de salvamento marítimo, loita contra a contaminación mariña e tarefas de vixilancia. 

Un servizo público, porén, onde a multinacional británica Avincis —antes Babcock International— é a adxudicataria e encargada de operar e manter os dous helicópteros de Gardacostas, un na base de Vigo e outro na de Celeiro.

 Unha empresa privada que ten, pois, unha enorme responsabilidade nuns servizos vitais para sectores como o do mar. Persoal da base de Celeiro denunciou a Nós Diario que desde a cuarta feira 13 de setembro o helicóptero está inoperativo.

Esta avaría deixa así durante xa 10 días a comarca da Mariña sen helicóptero de rescate, sinalan desde o persoal, malia que, engaden, no contrato entre a Xunta da Galiza e a adxudicataria, Avincis, especifícase que "en 48 horas" debe de disporse unha aeronave  de substitución. "Non se fixo", denuncian con rotundidade traballadores desta base.

Fontes do persoal lamentan que este tipo de situacións, nas que un helicóptero fica inoperativo por unha avaría, danse máis do desexado.

Así, o pasado mes de xuño unha avaría no helicóptero nun dos seus sensores nesta mesma base deixou a comarca da Mariña sen esta aeronave de rescate durante 5 días.