Traballadores contra incendios critican unha política forestal pensada para “dar beneficio a empresas privadas”

Atrifoga lamenta que se cese operarios de dispositivos de prevención e combate contra o lume mentres firmas privadas que operan nos dispositivos públicos incorporan máis persoal.

A Asociación de traballadores de incendios forestais de Galiza (Atrifoga), que representa operarios públicos do servizo de loita contra o lume de Medio Rural, denuncia que se finiquitou os contratos deste persoal. “Agora din que xa choveu, que xa non somos nece4sarios”, indican nun comunicado.

 

Estes operarios teñen un contrato ‘blindado’ de 3 meses máximo e fican fóra do convenio colectivo. Unha precarización que vai da man, denuncian, da progresiva privatización do servizo. Este colectivo vai ao paro (“sen sequera dereito a un subsidio por un contrato precario”) mentres empresas privadas incorporan máis persoal para realizar tarefas de rexeneración das zonas afectadas polos incendios do pasado mes de outubro.

 

“Volvemos denunciar a hipocresía do noso contratador (Xunta) e esa política forestal encamiñada a segmentar o servizo e dar beneficio a empresas de xestión `privadas, deixando na rúa os propios traballadores públicos, que son profesionais competentes, que teñen vontade de traballar e que sarían máis baratos e rendábeis”, explican.