Un comunicado da Consellaría de Educación publicado esta segunda feira 13 de abril na súa páxina web indignou á comunidade educativa. O inicio do terceiro trimestre comezará este 14 de abril co estado de alarma en vigor e as aulas pechadas.
O texto, dirixido ás direccións dos centros, sinala que se debe seguir “a actividade lectiva non presencial continuarase mediante repaso, reforzo e recuperación do traballo desenvolvido”. En relación a indicacións concretas afirman que se darán “unha vez teña lugar a Conferencia Sectorial de Educación prevista para o vindeiro 15 de abril”.
Desde CIG- Ensino denuncian “abandono” e “desgoberno” da administración galega nunha situación de emerxencia sanitaria e de confinamento como a que vivimos.
“O profesorado e o alumnado terán que volver, alí onde está sendo posíbel, ao traballo telemático, un traballo que está a facerse cunha fenda dixital como pano de fondo que afonda nas desigualdades e fractura aínda máis a equidade social que debe ser principio básico da educación”, explican desde CIG-Ensino.
A central nacionalista asegura que comezan o terceiro trimestre “como acabamos o anterior” cun “problema de enormes consencuencias”. Critican a xestión que a Xunta da Galiza e o Ministerio de Educación están a facer desta situación.
“Moito se ten recorrido á metáfora dun San Caetano convertido nun búnker, por ese comportamento absolutamente refractario á negociación e o diálogo, especialmente coas organizacións sindicais”, aseguran desde CIG- Ensino.
Demandan á conselleira que deixe o seu “hermetismo” e fale do que quere facer coas oposicións, cos “ordes e prazos paralizados”. Explican que “hai milleiros de docentes absolutamente preocupados cando non alterados polo abandono da administración e os efectos na súa vida a nivel persoal e profesional”.