Denuncian novos "recortes" no servizo ferroviario de longa distancia

Imaxe da estación de tren da Coruña.
A sección ferroviaria da CGT denuncia un novo "recorte e un empeoramento substancial do servizo ferroviario de longa distancia galego", pola decisión de Renfe de retomar a conexión da Galiza con Irún aproveitando o tren  con Catalunya, o que supón "un empeoramento substancial do servizo". 

A sección ferroviaria da central sindical CGT denunciou onte novo empeoramento da mobilidade polos recortes de liñas de Renfe. A conexión entre Galiza e Euskadi quedara suspendida desde o estado de alarma

Agora, para recuperala agrúpase nun servizo con ligazóns de media distancia o que antes eran catro servizos diferenciados, como Barcelona-Galiza, Barcelona-Salamanca, Barcelona-Asturies e Galiza-Euskadi.

A nova planificación supón para o sindicato "unha incomodidade importante" para os viaxeiros e viaxeiras galegas, que terán que facer até dous transbordos para chegar a destino e tres se queren pasar a fronteira francesa.

Neste contexto de crítica, a compañía afirma que estuda "distintas alternativas para reconfigurar o servizo", pero aínda non hai ningunha solución fechada.

O sindicato, que tamén puxo en dúbida a decisión da operadora de non repoñer outras frecuencias -entre elas algunhas do Eixo Atlántico-, di que os plans de Renfe suporán que as e os usuarios teñan que facer "até dous transbordos de trens para chegar ao destino e tres se queren pasar a fronteira francesa". 

Problemas en Vigo

Tamén esta terza feira, a Marea de Vigo instou a Renfe a reforzar as liñas e frecuencias das conexións da cidade olívica para evitar a súa "saturación" durante as fins de semana, unha deficiencia que a formación municipalista xa trasladou ao Congreso. 

O voceiro da formación, Rubén Pérez, criticou "a degradación" e o "risco sanitario" que implica, até o de agora, a estratexia de recortes da compañía.