Denuncian novo colapso nas urxencias do CHUS

Situación das urxencias do CHUS este sábado (Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS)

O corredor de acceso ao servizo de urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) tivo este sábado 7 pacientes graves agardando en cadeiras de rodas, segundo a Asociación de Pacientes e Usuarios desta instalación pública.

A indignación volve ao hospital de referencia da área de Santiago e Barbanza. A Asociación de Pacientes e Usuarios do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), denuncia nun comunicado que este sábado 13 de decembro ás 15 horas, sete pacientes graves estaban colocados en cadeiras de rodas nos corredores de acceso ao servizo de urxencias.

Segundo esta asociación, os pacientes agardaban recibir atención nos 30 lugares de asistencia dispoñíbeis dos cales 18 estaban ocupados con pacientes pendentes de ingreso.

“Ao longo de toda a mañá a situación foi parecida cos corredores ocupados con pacientes graves”, sinalan achegando imaxes fotográficas de como estaba ese servizo..

A espera realizábase, explican, “a pesares de dispoñer de 20 postos de atención pechados e de plantas hospitalarias sen servizo”, algo que consideran que é culpa da organización deste hospital.

Indiferenza das persoas responsábeis

A resposta da xerencia, sinalan desde esta entidade foi a de “absoluta indiferenza”. Aseguran que os responsábeis desta área sanitaria “nin tan sequera teñen en conta as especiais circunstancias que estamos vivindo”.

Desde a Asociación de Pacientes e Usuarios reafírmanse en que “seguimos sendo vítimas dun dano moral e dun trato inadecuado que non só pode afectar a noso estado de saúde senón que tamén é contrario ao dereito fundamental a dignidade e a intimidade das persoas”.

Nos vindeiros día a entidade fará pública a resolución da queixa presentada diante a Valedora do Pobo, en relación con esta pauta dos servizos de urxencias do CHUS, e na que se pronuncia, aseguran, “no sentido de considerala contraria ao dereito fundamental dos pacientes a intimidade”.