Denuncian un novo asolagamento por augas fecais do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo

Vista do acceso ao centro sanitario de Baltar, en Sanxenxo. (Foto: Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo)
As queixas pola xestión das infraestruturas sanitarias desbordan Sanxenxo. As últimas débense ás obras que non se fan para evitar que o consultorio de Portonovo non se inunde, mais tamén as hai por falta de persoal e sobrecarga de traballo nos consultorios.

Ao concello de Sanxenxo acumúlanselle as queixas pola xestión do equipamento sanitario que, malia que non estar dentro das competencias municipais, provoca o malestar da veciñanza quer coa Xunta quer co Goberno local dirixido polo popular Telmo Martín.

A última protesta é dunha plataforma especialmente atenta ás eivas, a de Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo, que denuncia que esta fin de semana decorreu un novo episodio de asolagamento por augas fecais no centro de saúde de Baltar.

O grupo explica que o feito de que coincidiran as precipitacións coa preamar implicou a inundación do Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar, na zona de Portonovo. Ao desbordar os sumidoiros, as augas fecais entraron na instalación co conseguinte cheiro e o problema de salubridade. O PAC tivo que estar inhabilitado durante un tempo, mentres acudían os bombeiros e se procedía á limpeza.

“Consideramos que esta recorrente situación require unha actuación urxente por parte da administración pública; así que instamos ao Concello de Sanxenxo a que revise e acondicione os sumidoiros da zona xa que todo apunta a que o problema reside na saturación das arquetas con máis emisarios e caudal do que poden xestionar”, subliña a plataforma.

Aliás, aposta polo feche temporal en previsión de que poida haber máis eivas nos próximos meses. 

A oposición tamén

A esta queixa mesmo se sumou o grupo político Somos Sanxenxo, que lembra que leva desde 2017 protestando polas eivas da sanidade tanto a nivel do país como da localidade. Mesmo se fixo unha manifestación á que acudiu o rexedor pero “tan só uns meses despois esquecería o que nela se defendía”.

“A cambio, propuxo unha falsa mellora do centro de saúde, que provocou, cos contínuos recortes de persoal, ter consultas sen persoal, e o aumento das listas de espera tanto de enfermaría como de outros facultativos”, critica o colectivo.

Após unha suposta declaración contra a oposición e os sindicatos por consideralos “alarmistas” por denunciar “o desleixamento ao que se está a someter a sanidade público”, Somos Sanxenxo incide no problema dos asolagamentos do ambulatorio de Baltar.

Considera que se puxo en risco a saúde das persoas que estaban na zona, polo que a plataforma vén de exixir a “inmediata solución do problema nos sumidoiros da zona de Baltar, e o traslado temporal do PAC, pois as condicións son totalmente insalubres, e a día de hoxe o cheiro é insoportable na zona de RX”.

Queixas que veñen de lonxe

Mais este desagradable episodio, que segundo denuncian na vila, é recorrente, non é o único problema da sanidade na contorna. Hai escasos meses o persoal sanitario do mesmo ambulatorio protestaba polas condicións nas que tiñan que traballar no verán, con oito médicas e médicos para atender a 80.000 persoas.

“Sobran políticos e xestores, falta persoal sanitario ¡Solución xa!”, líase na pancarta que encababa esta cuarta feira a mobilización de traballadores sanitarios, acompañados de usuarias e usuarios, diante do centro de atención de Baltar.

Tamén no estío a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo acusou a Consellaría de Sanidade de caer na “inacción”, ao igual que a “Xerencia da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés e do propio alcalde”, dada a situación de “sobrecarga asistencial” pola que pasan os centros de saúde e consultorios do municipio nestes momentos, tanto polo coronavirus como pola maior poboación de forma temporal.

A entidade aseguraba que mesmo varias traballadoras de atención en Baltar ou Vilalonga, contactaron co Sergas e demais administracións públicas para “solicitar reforzos” nos ambulatorios do concello. No entanto, “non houbo resposta de ningún tipo, nin mostraron un mínimo interese”.