Denuncian as malas prácticas de Naturgy coa "complicidade" de Medio Rural

Unha actividade da Comunidade de Montes de Teis (Vigo), nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Cedida)

A Organización Galega de Montes en Man Común rexeitou esta segunda feira a actuación da Consellaría de Medio Rural, quen "ameazou" a comunidade de montes de Teis (Vigo) con abrirlle un expediente sancionador ante unha denuncia da empresa Naturgy que, segundo a Orgaccmm, non se axusta á realidade. "Non é certo que a comunidade de montes de Teis lle impedise o paso aos operarios de dita empresa", apuntou a entidade.

A Organización Galega de Montes en Man Común cargou esta segunda feira contra a Consellaría de Medio Rural debido a que "ameazou" a comunidade de montes de Teis, en Vigo, con expedientala por supostamente impedir o paso a uns operarios de Naturgy.

"Pola contra, nada di Medio Rural de abrir expediente sancionador a Naturgy, empresa responsábel da xestión da biomasa forestal, por incumprir a vixente lei de prevención e defensa contra os lumes forestais", recolle a organización nun comunicado de prensa.

Segundo a entidade, "Narturgy non comunicou á comunidade de montes de Teis a entrada no seu monte para realizar os traballos. Non retirou nin triturou os restos da biomasa forestal, deixando unha gran cantidade de combustibel no monte".

"Actúan como se o monte fose deles coa compracencia da Consellaría de Medio Rural, quen volve amosar o desprezo cara á veciñanza comuneira", agrega o colectivo no comunicado. Ademais, asegura, "a empresa responsábel da xestión da biomasa forestal eliminou unha vexetación de frondosas de idade madura que estaba formulada como un corredor vexetal contra os lumes forestais".

Trataríase, segundo estas fontes, dunha prantación de frondosas que "foi subvencionada pola propia Consellaría do Medio Rural". Unha plantación de frondosas autóctonas que "tamén tiña como obxetivo erradicar a acacia, especie invasora que está colonizando o monte galego".

A Orgaccmm manifesta o seu apoio á comunidade de montes viguesa e reclama á empresa Naturgy que "respecte o monte veciñal" e que "non faga unha interpretación retorcida e interesada da lei de prevención e defensa contra os lumes forestais". "Na loita contra os lumes forestais, o interese xeral deben estar por riba dos intereses e negocios particulares", recalcan desde a organización comuneira.

O malestar da Orgaccmm reacciona así após Naturgy levar a cabo nos terreos da citada comunidade de montes unha roza de grande impacto. "É a terceira vez nos últimos anos" que a empresa eléctrica "impulsa estas rozas tan agresivas e pouco respectuosas co bosque atlántico galego e a diversidade, malia que a comunidade xa chegara coa empresa a un acordo para evitalas", declarou a semana pasada o presidente da entidade de montes, Eduardo García.

A entidade realiza un intenso traballo de recuperación do bosque atlántico, con xornadas de arrincado de especies invasoras como a acacia negra. De feito, foi distinguida pola ONU polas súas boas prácticas para recuperar a diversidade.