Denuncian impacto visual dos parques eólicos sobre o Camiño de Santiago

Monte do Gato (Nós Diario)

A Plataforma SOS Patrimonio Monte do Gato Seselle presenta alegacións ao parque eólico Penas Boas e reclama unha exhaustiva análise de sinerxias sobre a Ruta Xacobea dos proxectos Felga, Gato, Feás, Fontella e Seselle pola grande dimensión dos aeroxeradores e a súa proximidade ao Camiño Inglés a Compostela.

Varios colectivos e entidades agrupadas na Plataforma SOS Patrimonio Monte do Gato Seselle consideran “insostíbel” a implantación de aeroxeradores  de gran porte na contorna do Monte do Gato, no corazón da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo, pois, segundo indican nun comunicado, “nos plans da promotora do parque eólico Penas Boas, estase a falar de máquinas de 4,2MW, 123 metros de fuste e 150 metros de diámetro de rotor chegando a alcanzar os 200 metros de altura en punta de pa”.

Para este colectivo “é ilusorio pretender, como afirma a empresa promotora Greenalia, que este tipo de instalacións, ubicados en cotas que van desde os 515 aos 527 metros na atalaia natural do Monte do Gato non terán apenas impacto na Ruta Xacobea, dado que en liña recta o Camiño Inglés sitúase a menos de 14 quilómetros e en relación co Camiño do Norte atópase incluso máis próximo”.

Ademais, apuntan que “hai que sumar o impacto acumulado dos outros cinco parques eólicos proxectados na zona, como son o Felga e o Gato, tamén de Greenalia, e o Feás, o Fontella e o Seselle, promovidos pola empresa Galenergy”.

Nestes casos, a distancia ao Camiño Inglés a Santiago é de 8,5 km. (Felga), 10 km. (Gato), 11 km. (Feás), 10 km. (Fontella) e 8,5 km. (Seselle).

Por este motivo, a plataforma reclama unha análise profunda do impacto desta rede de 6 parques eólicos e 40 aeroxeradores, razón pola que está a preparar a correspondente solicitude de amparo a Federación de Asociacións do Camiño de Santiago ante o que considera unha situación de todo insostible non só no referente á protección do medio ambiente, senón a nivel patrimonial.

Respectar os valores do Camiño de Santiago

A entidade lembra que desde 1993, “o Camiño de Santiago está declarado Patrimonio da Humanidade, ademáis de ser un Ben de Interés Cultural de incomparable beleza patrimonial e paisaxística en activo durante máis de mil anos”, segundo a Unesco "seguindo todavía as súas traxectorias orixinais e conservando as súas características históricas como testemuña destacada do poder e a influencia da fe entre as persoas de todas as clases sociais e orixes na Europa medieval".

Por estes motivos afirman que non poden entender “como, en pleno Xacobeo 2021, pode plantexarse a tramitación de tales proxectos, cun declarado impacto visual sobre unha das mellores paisaxes do norte galego, única polas súas características e singularidade e un ben a protexer, respectar e mellorar para as xeracións que están por vir”.