DENUNCIA DO DEFENSOR DO PACIENTE

"En Galiza segue morrendo xente esperando nos servizos de urxencias e nos PAC"

SOS Sanidade pública

O Defensor do Paciente vén de informar do falecemento dunha muller de 57 anos no Punto de Atención Continuada (PAC) de Vimianzo mentres esperaba a ser atendida. Segundo o Defensor, levaba “dúas horas de espera”.

Unha muller de 57 anos, veciña de Camelle (Camariñas), faleceu o 25 de setembro tras acudir ao PAC de Vimianzo e tras esperar dúas horas a ser atendida, tal e como denuncia o Defensor do Paciente. Era a segunda vez en cinco días que a muller acudía ás urxencias do PAC polo mal que se atopaba. Dado o trato que sufriu na primeira das visitas, o día 20, a muller chegara a presentar unha queixa.

Ante o caso desta veciña de Camelle, a presidenta do Defensor do Paciente, Carmen Flores, denuncia que en Galiza “segue a morrer xente esperando nos servizos de urxencias e nos PAC”. “A Xunta é a responsábel destes graves danos pola brutalidade dos recortes en sanidade”, afirma. A responsábel acusa á Xunta de actuar de maneira “impasíbel” e critica o “desleixo” do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera.