Denuncian a falta de transparencia da Xunta sobre as drenaxes ácidas en Touro

Vertidos procedentes da mina de Touro (Foto: Europa Press).
Ecoloxistas en Acción traslada á Valedora do Pobo o "reiterado incumprimento da Lei de Transparencia" por parte de Augas da Galiza, a Xefatura Territorial de Minas da Coruña e a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

A asociación Ecoloxistas en Acción quéixase da "deliberada ocultación de información referente ao procedemento aberto polas continuadas verteduras de drenaxes ácidas a augas do dominio público hidráulico realizadas pola empresa Explotaciones Gallegas", responsábel do proxecto da mina de Touro.

En 2018, lembra o colectivo nun comunicado, tras múltiples denuncias da veciñanza, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Coruña "realiza unha inspección na que constata as continuadas verteduras de drenaxe ácida as augas dos ríos da contorna da mina por parte da empresa Explotaciones Gallegas".

Verteduras sen sanción 

Sucede, di, en pleno proceso de tramitación dun expediente de reapertura dunha explotación mineira a ceo aberto nos mesmos terreos de onde proceden as verteduras, sen que se tivera realizado previamente un plan de restauración medioambiental de toda área.

Desde a Xefatura Territorial de Minas, "lonxe de abrir un expediente sancionador, solicitou á empresa un proxecto definitivo de drenaxe das augas ácidas da mina"

Ecoloxistas en acción censura que a Administración aceptase e validade un "proxecto temporal de seis meses" que carece de xustificación ambiental e da preceptiva exposición pública para garantir a participación da cidadanía.

Na mesma liña, tras coñecer o proxecto de drenaxe temporal, Augas da Galiza tamén aproba a proposta sen iniciar "ningún proceso sancionador ante a constatación de verteduras de drenaxe ácida da mina".

Impacto ambiental

Neste proceso, a Xunta confirmou a declaración de impacto ambiental negativa ao proxecto de reapertura da explotación mineira nos mesmos terreos de onde proveñen as continuadas verteduras detectadas pola inspección.

"A pesar disto, e sen que se leve a cabo ningún tipo de seguimento do proxecto de drenaxe temporal aprobado en outubro de 2020, a Administración galega abre un novo expediente aceptando a presentación dun novo proxecto de drenaxe en xullo de 2021 por parte da empresa denunciada e admitindo o propio Vicepresidente segundo da Xunta e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación o inicio dunha nova sanción á empresa en xuño de 2021". 

Ecoloxistas en Acción denuncia que despois de tres anos, non se resolvese un procedemento sancionador contra a empresa investigada, "permitíndolle realizar drenaxes ácidas".

Falta de transparencia

Denuncia, ademais, que malia ter solicitado acceso a todos os expedientes relacionado, ningunha Administración implicada lle facilitou ningún documento "conculcando o dereito de acceso á información ambiental das asociacións ecoloxistas" e "dándolle aire á empresa e as súas socias para a presentación dun novo proxecto mineiro nos terreos", malia a resolución ambiental negativa.

"Ecoloxistas en Acción denuncia ante a Valedora do Pobo o que considera unha ocultación e  denegación continuada de acceso á información e unha falta deliberada de transparencia". Uns feitos que valoran como gravísimos, ambientalmente inviabeis, que causan total indefensión nas persoas e organizacións e que vulneran o dereito fundamental de defensa do medio ambiente.