Denuncian a falta de motobombas e que só "dous ou tres brigadistas" teñen que atender un incendio

Camión motobomba da Xunta (Nós Diario)

A Federación de Atención á Cidadanía da Unión Sindical Obreira na Galiza (FAC-USO Galiza) reclama á Consellaría de Medio Rural unha “solución urxente” á falta de persoal no Servizo de Prevención contra Incendios Forestais (SPIF).

Máis unha entidade denuncia a xestión das Administracións na loita contra o lume. É FAC-USO, que denunciou na mañá da sexta feira que se está obrigando o persoal do servizo de prevención de incendios a prolongar a súa xornada laboral até a 12 horas, retendo as cuadrillas “o máximo tempo posíbel”.

Advirte así do incumprimento do “fixado no convenio colectivo” e advirte de que en ocasións loitan contra o lume “só dous ou tres brigadistas”, sen motobombistas, “por no terse cuberto as baixas e as prazas vacantes”.

A entidade denuncia, ademais, “unha escaseza de medios materiais”, agravada polo “desprazamento de persoal doutros distritos forestais e doutro persoal de emerxencias aos lumes”, como bombeiros municipais e de parques comarcais, de grupos de emerxencias municipais, persoal de protección civil, etc., chegados de toda a Galiza, “que non coñecen a zona, o que provoca descoordinación entre todos eles”.

A UME causa “desorganización”

Ademais, FAC-USO expón que a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME), presente só nos grandes incendios, “está causando maior desorganización no operativo, pese á existencia dun posto de mando avanzado, cuxa xestión está resultando pésima”.

“O persoal do SPIF, sempre ao pé do lume, está padecendo falta de aprovisionamento e exceso de xornada laboral”, recolle a organización nun comunicado enviado aos medios de comunicación.

Por outra parte, alerta de que “algún distrito” queda sen brigada no seu territorio, e, se se produce un incendio, teñan que ser “brigadistas voluntarios” quen loiten contra o lume “traballando no seus días libres”.

FAC-USO conclúe reclamando á Consellaría de Medio Rural unha solución urxente á falta de persoal, cuestionando o exceso de horas, a falta de cobertura de baixas e prazas vacantes, a escaseza de medios, a desorganización, a descoordinación, a “xestión pésima” e a necesidade de “brigadistas voluntarios”, mentres nos medios de comunicación, engade, “só aparece o político”.