Denuncian ante a Garda Civil a morte dunha muller nun ambulatorio após o Sergas non enviar unha ambulancia

PAC de Baltar. (Foto: Nós Diario)
Fontes do Sergas consultadas por 'Nós Diario' xustificaron que o traslado se demorou "dúas horas desde a chamada".

O pasado 6 de agosto, unha muller faleceu no Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar, en Sanxenxo, despois de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non enviase unha ambulancia para desprazala até un centro sanitario, segundo denunciou a súa parella. 

A familia da muller, de orixe estranxeira e que contaba con 61 anos no momento do seu pasamento, presentou unha denuncia polo ocorrido, que está a ser investigado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Cambados.

Segundo a versión do seu compañeiro sentimental, a falecida comezou a sentirse indisposta, ante o que el mesmo chamou o 061 para solicitar unha ambulancia. Ante esta situación, o servizo de emerxencias respondeu presuntamente que nese momento non había ningún vehículo medicalizado dispoñíbel.

Aliás, o traballador ou traballadora que atendeu a chamada telefónica tería recomendado que fose a propia parella da muller a que a levase até o centro de saúde de Baltar. Así o fixo, mais nada se puido facer pola vida da súa compañeira, que rematou falecendo ao pouco de chegar ao PAC.

O Sergas nega que a paciente presentase indicios de "gravidade"

Fontes do Sergas consultadas por Nós Diario alegaron que, após a consulta co facultativo do 061, determinouse a "ausencia de criterios de gravidade", motivo polo cal, defenderon as mesmas fontes, "recomendouse o traslado da paciente polos seus medios ao PAC de Baltar" para ser atendida "de forma presencial", mais subliñaron que "en ningún caso se tratou dun problema por falta de medios".

Aliás, estas fontes afirmaron que a muller "chegou ao PAC xa falecida e nun estado de importante deterioración". "Dado que se trata dun caso xa xudicializado, o Servizo Galego de Saúde considera importante deixar que sexa a Xustiza quen dirima as circunstancias do falecemento", engadiron.

Ao mesmo tempo, precisaron que o persoal sanitario da Central de Coordinación "realiza unha toma de decisións apoiada en protocolos e guías de actuación para a coordinación sanitaria", en relación ao non envío dun vehículo medicalizado.

Porén, as mesmas fontes non precisaron o número de ambulancias que hoxe están ao dispor deste centro de saúde en resposta a unha pregunta formulada por este medio.

Unha morte evitábel?

Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo denunciaron este feito, "moi grave", e puxeron o foco en que aquel día no PAC do Grove "non houbo médico nas 24 horas", polo que todos os pacientes foron derivados a Baltar: "Preguntámonos se a morte se evitaría de haber asistencia normal no Grove, pois é probábel que a persoa fose atendida, mesmo no seu domicilio. Os recortes en sanidade matan".

Sen consultas durante agosto

A xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirmou a pasada terza feira a "desactivación" das axendas no centro de saúde de Baltar no que resta do mes de agosto, ante a previsión de que estean dispoñíbeis só tres médicos e, "posibelmente, tres nos días seguintes, dos oito que conforman o cadro de persoal".

Trátase dunha decisión que xa denunciaran nesta mesma segunda feira a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) e máis a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo, que o consideraron unha "vulneración inaceptábel" do dereito da poboación para acceder á asistencia sanitaria e ás prestacións do sistema público da Galiza.

O obxectivo, segundo indican desde a área sanitaria, é "manter unha axeitada atención á totalidade da poboación desta localidade" e "dedicar todos os efectivos para atender as consultas urxentes". Trátase, aseguran, dunha medida "provisional" que está previsto manter "inicialmente" até o vindeiro mércores 31 de agosto.

A pasada semana o xerente e a directora da área sanitaria desprazáronse até o centro de saúde de Baltar, onde mantiveron unha reunión técnica cos facultativos para analizar a situación e planificar alternativas que garantan a continuidade asistencial.

Durante o encontro estabeleceuse un circuíto para que a renovación de receitas sexa efectuada pola farmacéutica de Atención Primaria deste ambulatorio.

Así, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés subliña que busca unha reorganización "responsábel" dos medios asistenciais de atención primaria e argumenta que está condicionada pola carencia de profesionais para a contratación no ámbito de Medicina de Familia, alén das vacacións e as baixas por diversa índole.