Denuncian a expulsión de 3 axentes da policía autonómica pola súa actividade sindical

[Imaxe de arquivo / Xunta de Galiza]

Os sindicatos policiais atribúen a decisión á "arbitrariedade" coa que, din, actúan os mandos e denuncian "acoso laboral". 

 

Os sindicatos da policía SUP, CEP e UFP denunciaron en comparecencia de imprensa na terza feira (20 de xaneiro) a expulsión de tres axentes da autonómica ao lles seren atribuídas supostas faltas disciplinarias graves. 

Esta versión, defendida polos mandos policiais, incluído o delegado do goberno español en Galiza, Santiago Villanueva, negárona os voceiros dos sindicatos que atribúen a decisión á "arbitrariedade" coa que estarían a actuar os seus superiores e mesmo denuncian "acoso laboral" ao que estaría sometido o corpo na Coruña, un feito que xa foi demandado xudicialmente. 

Neste senso, nos últimos anos, sinalan desde o SUP, CEP e UFP, foron abertos 23 expedientes disciplinarios dirixidos @s axentes que operan na Coruña. Para as organizacións sindicais esta realidade responde á discrecionalidade dos mandos, nomeadamente do inspector xefe provincial de libre designación, Antonio Nieto e doutro inspector, Javier Teijido, polo que piden sexan apartados das súas responsabilidades. Unha decisión que correspondería aos gobernos galego e español. 

"Presións" para endurecer as intervencións

Aliás, critican a figura do aínda comisario xefe da policía autonómica galega, José Antonio Álvarez Villa, condenado en 1977 "por maltratar detidos pola súa ideoloxía política". Villa, que se xubilará nas vindeiras semanas deberá ser substituído. Desde SUP, CEP e UFP solicitan que a Xunta e Madrid elixan ben o perfil desoutra persoa pois, segundo recoñeceron en comparecencia de imprensa, os mandos "campan" a gusto e mesmo "presionan" @s axentes para aumentar "a intensidade coa que fan certos servizos". 

As organizacións sindicais exculpan "o funcionariado" de calquera mao trato nas súas intervencións --un feiro que atribúen a ordes dos superiores. Estas declaracións prodúcense nun momento en que se están a incrementar o número de accións policiais, sancións e multas contra os movementos de resposta social e política.