Denuncian esperas de máis de dúas horas nas Urxencias do HULA

Porta do HULA (Foto: Nós Diario).
"O que estamos a ver en Madrid reprodúcese na Galiza onde estamos a ter serias dificultades para cubrir tanto persoal médico como persoal de enfermaría", denuncian desde o sindicato e enfermaría, Satse.

O delegado do sindicato de enfermería Satse en Lugo, Manuel Veiga, denunciou esperas de máis de dúas horas e dúas horas e media para recibir atención sanitaria no PAC de Lugo, en Fingoi, o domingo e a terza feira da ponte de Todos os Santos.

"O que estamos a ver en Madrid reprodúcese na Galiza onde estamos a ter serias dificultades para cubrir tanto persoal médico como persoal de enfermaría, sobre todo nun momento en que a poboación acode aos servizos de Urxencias debido á demora nas citas presenciais nos centros de saúde", esgrimiu.

O sindicalista advertiu de que eses dous días díxoselles que "nas Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) había unha lista de espera en pediatría de dúas ou tres horas". "E nós podemos dicir que no PAC de Fingoi ocorreu o mesmo", apostilou.

Así, relatou que a terza feira día 1 de novembro, "desde as 8,00 ás 10,00 horas, víronse máis de 200 pacientes, dos cales 50 eran nenos e nenas, e en ningún momento se nos ofreceu a posibilidade de pór un reforzo cando a lista de espera era de dúas horas ou dúas horas e media".

"Non había xente"

"Chamouse aos directivos de garda pero non puideron mandar a ninguén porque non había xente. Levamos en Satse loitando para que se fixe unha lei de cocientes e iso como usuarios daríanos unha seguridade de saber que obrigatoriamente ten que haber un número de médicas e enfermeiras por paciente, pero seguimos bloqueados", remarcou.

Manuel Veiga confesou que os sanitarios senten "frustración, impotencia e sobre todo medo". "Pensar que tes que ver 200 pacientes en 12 horas iso provoca tamén estrés", esgrimiu.

"Enfermaría de guerra"

"As posibilidades de que cometas un erro, que a seguridade do paciente se poña en perigo é exponencial. Hai compañeiros que me din que facemos unha medicina e unha enfermaría de guerra. Ante o volume de persoas que atendes, é moi difícil que ao final non poidas cometer un erro pola sobrecarga de traballo", alertou.