Denuncian especulación urbanística nuns terreos de Cangas

Tala de árbores na Rúa, Cangas (Foro Social de Cangas)

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) segue o seu polémico camiño, desta vez nuns terreos na Rúa.

A tala de árbores centenarias nuns terreos da Rúa (Cangas) está a causar polémica en todo o municipio e alarma na veciñanza da zona. Desde o Foro Social de Cangas, no que figuran varias entidades sociais da zona, aseguran que é “unha especulación de manual” na que se trata cos “feitos consumados, ocultación de camiños veciñais, coaccións aos propietarios, mentiras, compras mediante fraudulentas opcións de compra” nas que os diñeiro “o xustifica todo”.

O Goberno de Cangas está dividido en relación a este tema. O PSOE abandonouno estes días por estas cuestións e as relacións entre o alcalde, Xosé Manuel Pazos, e o edil de Facenda, Mariano Abalo, están a ser encontradas. O primeiro pon por diante a posibilidade de situar nese lugar do Centro de Alta Resolución (CAR) de Sanidade para o Morrazo e o segundo afirma ter “sospeitas” desta operación na que poderían entrar a construción dalgunha gran superficie.

O informe de Monsa

Para defender a postura do aproveitamento urbanístico dese terreo desde o concello presentouse un informe da consultora Monsa que sinala que o PXOM deberá estar sometido a varios informes e a dúas exposicións públicas. Aínda pode ter numerosas mudanzas no seu percorrido. Este será o documento que achegue o edil de urbanismo, o socialista Eugenio González, ao pleno municipal deste mes.