Traballadoras, sindicatos e familias ficarían excluídas

Denuncian o "escurantismo" de Política Social coa composición do comité das residencias

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha reunión do comité. (Foto: Xunta).
A Consellaría de Política Social traballa na elaboración dun novo modelo residencial para a época post Covid que sexa "participativo, consensuado e integrador". Para elo conta co asesoramento dun "comité de persoas expertas" cuxa identidade e capacitación son, a día de hoxe, descoñecidas.

O Comité Asesor Sociosanitario, constituído en decembro pasado para contribuír á reestruturación do modelo residencial na Galiza, celebrou o 16 de marzo o seu terceiro encontro coa conselleira de Política Social, Fabiola García. Este grupo de traballo ten por obxectivo presentar, antes do remate do semestre, un informe no que se reflictan os puntos fortes e febles da xestión das residencias de maiores, con base en tres piares: apostar polas potencialidades que ofrece a tecnoloxía, explorar posíbeis melloras estruturais e arquitectónicas que permitan optimizar a atención e unha maior coordinación entre o eido social e o sanitario, segundo explicaron recentemente a Nós Diario fontes da Consellaría.

Con todo, unha pregunta sobrevoa o devandito comité: quen o conforma? Desde Política Social aseguran que está integrado por "persoal médico e de enfermaría, directoras e traballadoras non sanitarias dos centros, académicas e investigadoras, arquitectas e familiares de residentes", mais as súas identidades son, polo de agora, descoñecidas para a opinión pública.

Este xornal solicitou a primeira hora desta terza feira a relación de membros do comité. Porén, fontes da Consellaría advertiron no serán da "imposibilidade de ter recadado todos os datos", polo que emprazaron a Nós Diario a agardar por unha resposta "nos vindeiros días". Tamén demandou esa información a Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE), que instou a revelar "o criterio que utilizou a Xunta" para designar as e os seus membros.

"Vetos" da Xunta

Malia tratarse da principal organización representativa das e dos usuarios de residencias privadas, REDE non foi convidada a participar. Tampouco a Asociación Vellez Digna. "Estamos vetados pola Xunta. Din que as familias estamos representadas, mais non é certo. O que sabemos con certeza é que ningún sindicato, colectivo de traballadoras ou asociación de residentes ten presenza no comité", expón, en declaracións a Nós Diario, o presidente de REDE, Paulino Campos.

Asegura que o actual comité non resolverá os problemas destes centros: "A vacinación situounos ante un novo escenario post Covid, mais as empresas e o persoal da Administración son os mesmos. Máis vale que levanten e marchen para a casa", censura, e engade que a conselleira "non ten altura política, nin talante, nin talento para encabezar este proceso".

O colectivo Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega) tampouco forma parte do comité. "Din que hai traballadoras e enfermeiras... Quen son? Probabelmente persoas afíns á Xunta, mais non nos sorprende porque o levan facendo moito tempo. Comunicamos moitas deficiencias a Política Social, veremos cantas son atendidas polo comité", asegura Sonia Jalda, portavoz de Trega.

E as residencias de titularidade pública tamén fican fóra do grupo de traballo: "É todo mentira, non hai consenso nin participación. Xa non é unha falta de transparencia, senón de dignidade. As persoas maiores non teñen voz nin voto, coma se non tivesen dereitos", sostén Xan Carlos Ansia, delegado da CIG no Comité de Empresa de Política Social.

Ansia critica o "escurantismo" dun proceso de reestruturación das residencias que "xa debería terse iniciado". "Se o comité está realmente composto por persoas expertas en diferentes ámbitos, por que ocultan os seus nomes e non presumen delas? Non pedimos que estea representada a CIG, mais si que aclaren quen e por que si o está", engade.

Quen si está no comité?

A listaxe completa aínda se descoñece, mais si transcenderon algúns nomes, como Antón Acevedo, director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, ou Óscar Neira, vicepresidente da Asociación Galega do Sector da Dependencia (Agasede), a recentemente creada patronal das residencias.