A mellor conservada do noroeste peninsular

Denuncian o emprego de apisonadoras sobre unha sauna da Idade de Ferro

Sauna da Idade de Ferro en Cervo [Imaxe Mariña Patrimonio]
O colectivo Mariña Patrimonio denuncia a utilización de apisonadoras co consentimento da Consellaría de Cultura sobre os restos da sauna da Atalaia, construída na Idade de Ferro en Cervo e descuberta hai tan só uns meses. “As estruturas da sauna non están suficientemente soterradas e protexidas para soportar o emprego desta maquinaria”, denuncian desde o colectivo.
 

O uso de apisonadoras nunha obas locais no concello de Cervo está poñendo en perigo a estrutura da Sauna decuberta este mesmo ano no concello de Cervo e que data da Idade de Ferro.

“Se xa era difícil entender que a Consellaría de Cultura non permitise escavar nin estudar esta monumental sauna, agora resulta totalmente incomprensíbel que permita os traballos dunha apisoadora sobre a bóveda, o lousado e outras estruturas desta xoia da arqueoloxía”, lamentaron nas redes desde Mariña Patrimonio.

Desde o colectivo remarcan que a intervención arqueolóxica que se realizou na sauna da Atalaia, redescuberta no transcurso das obras realizadas polo Concello, foi simplemente un control arqueolóxico. “Non houbo, por tanto, nin escavación nin estudo arqueolóxico”, denuncian.

A pesar de que a Xunta considerase esta sauna de extraordinario interese arqueolóxico, desde Mariña Patrimonio lamentan a decisión do goberno galego de tapala sen realizar as escavacións e os estudos que requiriría este importante ben patrimonial.

Mariña Patrimonio considera que Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura e Turismo debería explicar por que se actúa deste xeito cun dos achados arqueolóxicos máis importantes dos que se teñen descuberto na Galiza nos últimos anos.

Como se descubriu?

A sauna estaba soterrada baixo as rúas de San Cibrao do concello de Cervo, no recinto que comprendía o denominado castro da Atalaia.

Unhas obras efectuadas na rede de sumidoiros permitiron que se descubrise esta sauna castrexa, a mellor conservada do noroeste peninsular. A zona de san Cibrao é coñecida polo seu valor patrimonial e a existencia de vestixios aínda sen descubrir. Porén, hai quince iniciaron as obras de construción de 82 vivendas de veraneantes e que máis tarde ficaron paralizadas e abandonadas debido a crise.

Emilio Ramil dirixiu a investigación arqueolóxica e definiu os restos como "extraordinarios" e sinalou que a sauna reunía todos os elementos habituais destas construcións da Idade do Ferro, pois conta cun tanque de auga, un forno, restos de carbóns, hai un monolito de pedra e apareceron cantos rodados con signos de calor.

A estrutura monumental das saunas atopadas nos castros dá a entender a grande importancia que se daba a estes espazos relacionados co vapor da auga.