Escavación dos Conventos

Atopan na Ribeira Sacra restos humanos que poden datar da prehistoria

O achado  aconteceu na escavación en Val do Frade, en Vilachá de Salvadur (A Pobra de Brollón), onde un equipo de arqueólogos e arqueólogas buscaba un primitivo mosteiro medieval. 

A última palabra tena o Carbono 14 mais podemos estar ante os restos humanos máis antigos atopados na Galiza. Foi na escavación en Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, comarca de Terra de Lemos. O obxectivo inicial dos investigadores era comprobar se hai evidencias        arqueolóxicas dun mosteiro medieval perdido, e obter máis información sobre as orixes e evolución da Ribeira Sacra.                   

 

Un cranio,  unha vértebra e dous fémures que pola súa  colocación e contexto arqueolóxico semellan estar soterrados nunha cista prehistórica, foron a sorpresa que os arqueólogos atoparon na recta final da campaña. O achado é de gran importancia, explican desde Adegas da Memoria nun comunicado, pola case nula existencia de restos óseos humanos prehistóricos na Galiza. Os restos xa están camiño ao  laboratorio para a súa datación con Carbono 14. Ademais do C14 aplicaranse outro tipo de probas que poderán dar  información sobre a dieta ou  incluso  ADN.    

escavación en Os Conventos enmárcase na  iniciativa Adegas da Memoria, un proxecto etnoarqueolóxico que busca dinamizar a parroquia de Vilachá, promovido pola Asociación veciñal  de Vilachá  e o Concello da Pobra do Brollón, coa colaboración do Incipit-CSIC.                       

 

Durante a escavación púidose constatar unha ocupación medieval do lugar con mostras de cerámica  dos séculos XII ou XIII e unha moeda do reinado de Afonso X. Escavado directamente na rocha apareceu o oco cos restos humanos, un depósito funerario que indica un tratamento ritual posterior do cadáver.

 

"Con este novo achado superamos con creces o obxectivo principal de Adegas da Memoria, que é facer o primeiro gran estudo sobre as orixes e evolución da paisaxe da Ribeira Sacra por ma das persoas", declara Xurxo Ayán, investigador da Universidade Nova de LIsboa e director desta intervención. 

 

Xosé Gago, técnico de Cultura da Pobra e coordinador do proxecto, salienta a importancia do achado nun contexto no que a Ribeira Sacra é candidata a Patrimonio da Humanidade: "A paisaxe da Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural que non se pode entender nin concebir sen ter en conta as persoas que viviron e viven nela".  O alcalde da Pobra de Brollón, Xosé Lois Maceda, indica que o Concello está a ser "pioneiro na investigación e posta en valor do patrimonio", nun compromiso que beneficia diferentes campos, como o turismo.

 

[Esta información foi editada debido a un erro en que se nos referiamos a Xosé Gago como concelleiro de Cultura cando é técnico]