Só para doentes de cardioloxía

Denuncian discriminación nas probas de radiodiagnóstico do CHUS

Unha concentración a favor da sanidade pública, diante do CHUS

O BNG e a Sociedade Española de Radioloxía Médica (SERAM) advirten das intencións do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de adquirir un equipo para realizar TAC e resonancias para uso exclusivo do servizo de cardioloxía, un feito, din, que suporía a fragmentación na igualdade das persoas doentes a estas probas. Máxime nun hospital cunha importante listaxe de agarda.

A Sociedade Española de Radioloxía Médica (SERAM) vén de informar da convocatoria, pola empresa MEDTRONIC, dun proceso para a adquisición dun equipo de radiodiagnóstico para realizar TAC e outro para realizar resonancias magnéticas na área de cardioloxía do CHUS. Isto, advirten as médicas e os médicos, suporía “a ruptura da equidade e a distorsión dos sistemas de priorización da demanda que rexen o noso traballo”.

 

O BNG xa presentou unha proposición non de lei e mais unha batería de preguntas no parlamento ao respeito. A través da parlamentar Montse Prado, o Bloque sinala que “os servizos de radiodiagnóstico son considerados servizos centrais, e como tales, realizan as probas diagnósticas, as exploracións, a doentes procedentes do conxunto dos servizos dos centros hospitalarios, desde unidades de hospitalización a consultas externas ou urxencias”.

O uso exclusivo dos citados equipos na área de cardioloxía “significaría a fragmentación na igualdade das persoas doentes no acceso ao TC e RM” e “rompería a equidade”

O uso exclusivo dos citados equipos na área de cardioloxía “significaría a fragmentación na igualdade das persoas doentes no acceso ao TC e RM” e “rompería a equidade”. “Estabeleceríanse patoloxías de primeira e de segunda”, afirma Montse Prado, quen reclama que se clarifique, a través da presentación dun informe na cámara, “cales son as circunstancias, as condicións, as causas, as contraprestacións nas que unha empresa provedora habitual do Sergas realice a doazón de equipamento de TC e RM á sanidade pública”.

 

Listas de agarda “tremendas”

 

A parlamentar nacionalista denuncia que as listas de espera nos servizos de radiodiagnóstico “están converténdose en estruturais” e asegura que “son constantes as queixas de doentes e profesionais sobre as tremendas demoras e as consecuencias na saúde das persoas”.

Segundo os dados do Sergas, as listas de agarda oficiais para resonancia magnética é de 5.000 persoas, e de 3.000 para o TAC

Segundo os dados do Sergas, as listas de agarda oficiais para resonancia magnética é de 5.000 persoas, e de 3.000 para o TAC, mais hai que ter en conta que nas listas de agarda só se computan as primeiras probas e as seguintes, e mais os controis, non computan como espera.

 

“Esiximos realizar todas as actuacións precisas para diminuír as amplísimas listas de agarda no servizo de radiodiagnóstico do CHUS”, salienta o BNG nunha das iniciativas presentadas no parlamento.

 

Resposta do CHUS

 

A xerencia do CHUS, segundo publica Europa Press, indicou que os citados equipos non serán “para uso exclusivo” da área de cardioloxía, senón que “está contemplado que se poidan compartir co servizo de radioloxía”.

 

Para xustificar o uso prioritario en cardioloxía, a xerencia do complexo lembra que as enfermedades cardiovasculares “están asociadas a unha elevada taxa de mortalidade” e, por tanto, “requiren un diagnóstico acelerado”.

 

Porén, e tal e como subliña a SERAM, son as e os pacientes oncolóxicos, e os procedentes de neuroloxía e trautamoloxía, os que representan perto do 90% da actividade do TAC e da resonancia, mentres que os cardiolóxicos non supoñen, como promedio, máis do 5%.