O centro cabanés padece unha vaga de Covid-19 que afecta a 77 persoas

Denuncian a dirección da residencia DomusVi de Laraxe

Imaxe de arquivo dunha residencia da cadea DomusVi. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O BNG de Ferrolterra denuncia a situación das traballadoras da residencia DomusVi de Laraxe, en Cabanas, e presenta a solicitude de apertura de expediente no Parlamento.

Este domingo o Bloque Nacionalista Galego (BNG) na comarca de Ferrolterra presentou unha iniciativa no Parlamento na que solicita que Xunta abra un expediente á residencia DomusVi de Laraxe, no concello de Cabanas.

DomusVi, empresa privada de residencias para persoas dependentes e maiores, leva tempo envolta en diversas polémicas, de mal trato dos seus residentes, de elevada cifra de contaxios e nas últimas semanas por mor da vacinación, fóra de quenda, da súa  conselleira delega Josefina Fernández.

No caso da residencia de Laraxe, o BNG, ademais de pedir a apertura dun expediente para investigar o gromo que está a padecer actualmente e que afecta xa a 77 persoas.

A formación nacionalista quere así manifestar o seu apoio e solidariedade coa representación do persoal que está a ser obxecto de represalias por parte da dirección da empresa.

A través do comunicado presentado no Parlamento, o BNG traslada as recentes denuncias públicas das representantes do persoal, que manifestan unha serie de incumprimentos de extremada gravidade e que serían a causa do elevadísimo número de persoas afectadas.

Estes incumprimentos da dirección referiríanse a non reforzar o cadro de persoal, obrigar as empregadas e empregados a realizar tarefas para as que non están formadas, prolongar as xornadas laborais de modo abusivo e non aplicar os protocolos sanitarios ao haber, por exemplo, escaseza de EPI (Equipos de Protección Individual).

Desde o BNG inciden na necesidade de respectar escrupulosamente “os dereitos laborais das profesionais como mellor maneira de protexer a calidade do servizo que prestan, e polo tanto o dereito das persoas usuarias a unha contorna segura para a súa saúde”.