Denuncian o destrozo por maquinaria forestal dun camiño tradicional ao castro de Baroña, Ben de Interese Cultural

A asociación ecoloxista Arco Iris denunciou os "destrozos" provocados polo paso de maquinaria para a corta de madeira na contorna do Castro de Baroña (Imaxe: Arco Iris)
O Concello de Porto do Son informou nas súas redes de que os feitos foron postos en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio.

A asociación ecoloxista Arco Iris denunciou esta semana "destrozos" na contorna do Castro de Baroña, no municipio de Porto do Son, que atribúe á actividade madeireira.

As súas integrantes sosteñen que a "irrupción da maquinaria pesada por enriba do antigo camiño empedrado que conducía ao castro supón un incalificábel atentado ao patrimonio etnográfico da comarca do Barbanza, posíbelmente irreversíbel".

Na mesma liña, a asociación ecoloxista critica a "impunidade" coa que se actuou e que vinculo co actual contexto da crise sanitaria, o uso de servizos na zona para outros fins e a ausencia de visitantes.

En canto aos "destrozos" denunciados, indica que se poderían considerar constitutivos dun delite contra o patrimoni "xa que o Castro de Baroña é ben de interese xeral, segundo decreto da Xunta". Así, insta aos corpos policiais e mais ao Seprona a iniciar "canto antes as xestións para identificar aos vándalos".

Un representante da Policía local de Porto do Son, cuxos efectivos trasladáronse o pasado sábado a facer unha comprobación dos danos, informou a Nós Diario de que as características pedras do camiño de acceso ao castro, marcadas polo suco dos carros que antigamente o percorrían, non foron danadas durante as talas.

O Concello de Porto do Son, gobernado polo popular Luis Oujo, compartiu unha noticia nas súas redes sociais na que sinala que os feitos foron postos en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio.