Denuncian a "desfeita" nas dunas de Rodeira, en Cangas, por unha competición deportiva

Faixa reivindicativa na praia de Rodeira (Imaxe: Nós Diario)

A presión veciñal provocou a paralización da desfeita ambiental que se estaba a provocar no sistema dunar da praia de Rodeira, en Cangas.

O ecosistema dunar da praia de Rodeira, en Cangas, ficou danado polas actuacións do Goberno municipal, nunha zona de 2.500 metros cadrados definida como hábitat prioritario dentro da Directiva Hábitats.

O Goberno municipal, formado por Alternativa Canguesa de Esquerdas e o PSOE, ordenou a realización de movementos de area nas dunas con dous vehículos pesados -unha escavadora con pa e outra escavadora con remolque- retirando vexetación -con función de retención da area- e mudando o sistema dunar.

O obxectivo: adecuar a zona para acoller o campionato comarcal de balonmán-praia esta fin de semana.

As protestas veciñais e dos grupos da oposición provocaron a paralización dos movementos de terra e o Goberno municipal acordou mudar o emprazamento do torneo deportivo.

Críticas do BNG

O BNG de Cangas exixe responsabilidades políticas e a dimisión do Goberno municipal. Denuncia a “falta de planificación, de iniciativas, de xestión”, as actuacións “á brava” e a “prepotencia” do Executivo.

A formación nacionalista cualifica as actuacións nas dunas como “delito ambiental” e pregúntase por que “no canto de ter planificado e buscar alternativas e outras posíbeis localizacións agora van para outro concello cando Cangas patrocina unha parte del, buscando culpábeis dos seus propios erros”.

O BNG tamén denunciou “a pasividade de Costas, que non actuou nin se achegou para comprobar os traballos logo mesmo das denuncias presentadas, con feitos consumados deixando pasar os días para que decorrese o campionato sen protexer o que é da súa competencia”.

Avante tamén pide dimisións

O grupo político Avante deu a coñecer na sexta feira unha moción para denunciar o “dano irreversíbel” provocado ao sistema dunar. “O acontecido volve evidenciar a actuación irresponsábel, improvisada e irreflexiva deste Goberno municipal”, sinalan.

“Ante esta irresponsabilidade manifesta, consideramos necesario esixir as responsabilidades políticas correspondentes. Requirimos aos protagonistas as consecuencias individualizadas por estes feitos, sen descargo da responsabilidade do resto do Goberno, xa que isto non se podería ter feito sen o seu beneplácito”, engade Avante nunha moción na que exixe dimisións.

O grupo político tamén insta o Goberno municipal a acometer “as xestións e accións pertinentes para a reposición da zona ao seu estado anterior, coa supervisión dos profesionais do Servizo de Medio Ambiente” e “a prohibición do uso e tránsito nesa zona, até que se recupere de forma efectiva”.